A empresa galega Sivsa, da que falamos recentemente para dar conta do seu innovador software de xestión para médicos e clínicas (o software Fenix, definido polos seus creadores como “unha nova maneira de entender a xestión de centros de saúde dende a nube”), participou os días pasados (entre o 9 e o 11 de setembro) na que está considerada a cita referencial do ámbito médico e tecnolóxico de Perú e a súa contorna. Falamos de Tecnosalud 2015, a convención internacional de produtos para a saúde e ciencias afíns, onde a empresa galega amosou solucións de seu para optimizar o traballo dos profesionais do ámbito médico, solucións como o software Fenix, precisamente.
Del, fíxose saber que se trata dunha tecnoloxía que senta as bases para a historia clínica electrónica na nube e que, dende o seu lanzamento (este mesmo ano), foi quen de facilitar ao máximo o día a día das comunidades dun bo número de consultorios e policlínicas. Tamén se fixo un repaso polas funcionalidades que pon en xogo, entre as que podemos destacar a posibilidade de controlar e axilizar de maneira fluída e intuitiva todos os procesos que se dan na actividade diaria dun espazo de saúde, dende a chamada do paciente para solicitar unha cita ata a facturación dos servizos.
Recordar que a empresa galega ten presenza no Perú dende hai uns tres anos, e alí conta con importantes clientes que xa tiran proveito do seu sistema de información hospitalaria Hoxix para a súa xestión, entre os que se inclúen centros como o Hospital Alberto Leopoldo Barton Tompson de Callao e o Hospital Guillermo Kaelin de la Fuente de Villamaría del Triunfo.
Tecnosalud, sinalan fontes da empresa galega, propiciou o encontro entre Sivsa e novos profesionais da saúde de Lima, o que serviu para establecer contacto con outros hospitais interesados en Hosix como sistema de información hospitalario.
Sivsa amosa tecnoloxías de seu no encontro referencial da eSaúde en Perú
Compartir Este Artigo

