Informática El Corte Inglés, coa colaboración de Dell, celebra hoxe en Santiago de Compostela o Encontro Tecnolóxico Galicia15 baixo o título Transformación Dixital, as tecnoloxías que nos unen. O obxectivo desta xornada, que comezou ás 10.00 horas e se desenvolve ata despois do xantar (remata ao fío das 16.30), é debater sobre o camiño cara a Administración Electrónica, os pasos dados e os pasos que fican por dar, amais de “amosar as últimas tendencias” na materia e amosar, en definitiva, as tecnoloxías que xuntan, integran e universalizan coñecemento e servizos. Ao longo da xornada representantes de firmas referencias no ámbito TIC e de institucións públicas centradas no impulso tecnolóxico. Falarse de mobilidade, a nube, a impresión 3D, a Internet das Cousas ou as Cidades Intelixentes.
A xornada foi inaugurada por Juan Antonio del Río, director de Canle de Dell, Josep Aracil, xerente de Informática de El Corte Inglés e Mar Pereira, directora de AMTEGA. Na sesión de apertura, os relatores coincidiron na importancia de non deixar pasar o carro da evolución das novas tecnoloxías, “por moitos e variados motivos vantaxosas para administracións públicas, empresas e cidadanía”. Neste senso e co fin de tirarlles o máximo partido, Aracil sinalou que cómpre que superemos unha serie de retos, “retos que están sobre todo en nós mesmos, nas persoas”, e pasar logo a afianzarnos nunha reflexión continua de como as TIC axudan a termos confianza, a dar valor e a achegar produtividade e competitividade.
Pola súa banda, Mar Pereira fixo un percorrido polas infraestruturas e estratexias TIC da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, AMTEGA, emprazada no mesmo complexo arquitectónico no que se desenvolve a xornada. Entre outras cousas referentes á eAdministración, a columna vertebral do encontro convocado por Informática El Corte Inglés, Pereira lembrou que “a prioridade do Goberno galego na modernización da Administración para 2020 é culminar o traballo realizado nos últimos catro anos, consolidando os servizos electrónicos postos en marcha e conseguir un tecido público que funcione integramente de xeito dixital”. Un obxectivo, dixo, que conta cunha folla de ruta aprobada en marzo deste ano, o Plan de Administración e Goberno Dixital 2020.
Pereira recordou tamén que este plan conta cun investimento de 27,7 millóns de euros, e que un dos seus principais retos é o de acadar unha administración accesible, “áxil nas respostas, con capacidade para anticiparse ás necesidades das sociedade, eficiente no uso dos recursos públicos e que ofrece ao cidadán unha visión única e ben integrada da Administración”. Tamén lembrou que co desenvolvemento do Plan permitirase “un aforro anual estimado de máis de 41 millóns de euros”.
Informática El Corte Inglés, Dell e AMTEGA amosan en Santiago tecnoloxías “que unen”
Compartir Este Artigo

