RedEmprendia, integrada por 28 universidades de 8 países (Arxentina, Brasil, Chile, Colombia, España, México, Perú e Portugal) é a rede universitaria máis importante de Iberoamérica en emprendemento e transferencia de I+D, así o demostran proxectos como o SOLA (Spin-Off Lean Acceleration), que resultou merecedor de case un millón de euros a través do programa Erasmus+ da Unión Europea para fortalecer iniciativas empresariais de alto impacto nadas da Universidade.
Achegándonos ao proxecto SOLA, cómpre dicir que este persegue a mellora das competencias e habilidades do persoal técnico de incubadoras e parques científicos para identificar e consolidar empresas de base científica e tecnolóxica, nace coa vontade de promover a aceleración de startups e spin-off no eido universitario de Europa e América Latina. Co financiamento da UE (924.892 euros) introduciranse itinerarios formativos en catro institucións de educación superior latinoamericanas e outras catro europeas, entre elas a nosa Universidade de Santiago de Compostela.
Os módulos formativos abranguerán aspectos como a metodoloxía Lean Canvas, a redefinición estratéxica de startups, a propiedade industrial e certificación de calidade, e a internacionalización de empresas.
No consorcio do proxecto participan dúas universidades estatais -a Universidade Autónoma de Madrid e a Universidade de Santiago de Compostela-, a Universidade do Porto (Portugal) e a Universitá della Calabria (Italia). Dende América Latina, dúas universidades brasileiras -a Universidade Estadual de Campinas e a Universidade de São Paulo- e dúas colombianas: a Universidade de Antioquia e a Universidade EAFIT.
O proxecto SOLA (USC) recibe case un millón de euros da Unión Europea
Compartir Este Artigo

