A empresa galega EGATEL, con sede na Tecnópole de Ourense, vén de presentar os seus transmisores de TV de alta eficiencia en banda larga na feira IBC2015, unha das maiores feiras do mundo da industria de medios electrónicos, celebrada no RAI Convention Center de Amsterdam entre o 11 e o 15 de setembro. Na cita, a firma ourensá (recentemente recoñecida polo informe Ardán como a máis innovadora da nosa terra), tamén deu a coñecer a súa nova liña de produtos en materia de transceptores satelitais.
No emprazamento de EGATEL puido verse en funcionamento real sobre carga un transmisor de TV de alta eficiencia en banda larga da serie WHET (Wideband High Efficiency Transmitters), que proporciona un rendemento en toda a banda UHF de ata un 42%, tanto en refrixeración líquida como aire. Segundo informa a empresa galega, a optimización da eficiencia enerxética nos transmisores conséguese a través da tecnoloxía Doherty, que ao sumarlle a función banda larga permite realizar cambios de canle sen necesidade de facer ningún cambio nos amplificadores.
Segundo lembra a empresa e reflicte a Tecnópole, tamén se exhibiu o Smart LNB, un equipo concibido polo operador de satélites Eutelsat e implementado por EGATEL e que consiste “nun innovador produto para a nova xeración de servizos bidireccionais a través da plataforma de televisión conectada”. Trátase, máis en detalle, dun dispositivo electrónico equipado cun novidoso transceptor conectado á antena parabólica que dispón dunha canle de retorno de alta eficiencia.
EGATEL presentou na feira IBC os seus transmisores de TV de alta eficiencia
Compartir Este Artigo

