Dende Facebook aseguran que os perfís dos seus usuarios consúltanse máis de 4.000 millóns de veces ao día, converténdose nunha carta de presentación da identidade en liña para facilitar a comunicación cos demais, de aí que sexa de grande importancia coidar a súa aparencia, o que habitualmente estaba optimizado para a web, pero do grande uso dos smartphones para acceder ás redes sociais, decidiron estrear novas prestacións orientadas a un áxil uso dende o móbil.
Unha das novidades máis visible será a posibilidade de permitir que a imaxe de perfil dos usuarios non se limite a ser unha fotografía, senón que poderá ser un vídeo en bucle, que verá calquera que visite o noso perfil, facilitando así unha maior expresividade. Pero non se limitan a iso, senón que tamén activa a posibilidade de fixar unha imaxe de perfil de xeito temporal, de xeito que podemos configurar unha imaxe para que apareza, por exemplo, durante o día do noso aniversario, durante as nosas vacacións ou durante o tempo de celebración dunha campaña reivindicativa, facilitando así o uso solidario das imaxes de perfil á vez que fuxiría das confusións que poden causar as fotografías estancadas en campañas pasadas (por exemplo, máis de 26 millóns de persoas mudaron a súa fotografía de perfil empregando un filtro especial para celebrar o Día do Orgullo Gai, e o volume de usuarios que non restauraron a súa fotografía de perfil é inmenso, o que pode levar a equívocos).
Os perfís tamén melloran o seu control, facendo doado elixir os contidos que queremos que aparezan na parte superior do noso perfil cando alguén o visite, mudando así a visibilidade dos campos que queiramos destacar. Incluso podemos elixir as fotografías que queiramos destacar.
Aparte destes dous cambios tan visibles, Facebook tamén está a probar melloras no deseño, mudando elementos de sitio, como colocando a imaxe/vídeo de perfil centrada e máis grande ou incluso amosando fotografías e amigos comúns cando vexamos perfís de amigos ou de alguén que acabamos de coñecer.
Estes novos cambios aínda están en probas, limitándose a uns poucos usuarios de iPhone en Reino Unido e California, pero iranse espallando ao resto de usuarios en breve. Vídeo no que podemos ver as novidades para os perfís no móbil que está a preparar Facebook
Facebook optimizará os perfís de usuario nos móbiles
Compartir Este Artigo
