Xa está aberta a convocatoria para botarmos unha man no evento Compostela Mini Maker Faire, unha feira prevista para o vindeiro 17 de outubro que xuntará, nun único escenario físico concreto (o centro comercial Área Central de Santiago), a boa parte dos máis senlleiros creadores galegos pertencentes aos ámbitos das novas tecnoloxías, a educación, a ciencia, a artesanía ou a enxeñaría.
Trátase, polo tanto, dun festival de tecnoloxías creativas, en palabras da organización “un evento para todos os públicos no que descubrir inventos da maneira máis activa”. Unha destas maneiras, precisamente, é a de colaborar directamente no seu desenvolvemento. Segundo informan dende o Programa de Voluntariado Dixital de AMTEGA e a Dirección Xeral de Voluntariado, xa está aberta a convocatoria para a inscrición de 15 voluntarios e voluntarias dixitais, que ofrezan o seu tempo para colaborar no desenvolvemento da cita.
Con esta convocatoria de voluntariado, poderemos concorrer directamente no evento dando soporte en obradoiros, mesas redondas, aos expositores e outras actividades que se desenvolvan no marco desta feira. De estarmos interesados en colaborar como voluntarios na Compostela Mini Maker Faire deberemos rexistrarnos a través da web de Voluntariado Dixital.
Segundo contan os organizadores, Maker Faire é o festival de tecnoloxías creativas no que descubrir de forma activa inventos, creacións realizados polos propios participantes coa axuda da tecnoloxía. É un lugar no que a xente amosa o que está a facer e comparte as súas aprendizaxes. Tamén é unha celebración do movemento Maker a nivel mundial.
Aberta a convocatoria para colaborar na Compostela Mini Maker Faire
Compartir Este Artigo

