En numerosas ocasións a xente pregúntase cal é a garantía de que as campañas de micromecenado entreguen as recompensas finais aos seus mecenas, pois sempre déixase claro que non se trata de vendas anticipadas, senón contribucións a facer realidade un proxecto (que pode fracasar no camiño) e agora vemos claramente como non todas as plataformas de microfinanciamento funcionan igual, e dende Kickstarter veñen de expulsar unha das campaña que máis rebumbio causou nas últimas semanas, xa que propoñía a creación da máquina de barbear Skarp, que prometía rematar co pelo facial mediante láser, sen irritación, queimaduras, cortes ou cheiro. Demasiado bonito para ser certo? Pois parece ser así, xa que aínda que en poucos días o proxecto xuntou máis de 4 millóns de dólares, ao ser conscientes dende Kickstarter que non existía un prototipo funcionar de Skarp (o que é unha das esixencias para esta plataforma) decidiron suspender a campaña, xa que Kickstarter non quere converterse nun fomentador do vaporware.
Pero dende Skarp Technologies pouco tardaron en volver a intentalo, e xa teñen activa unha campaña en Indiegogo, que en catro horas xuntou máis de 40.000 dólares, deixando claro o interese do público polo seu produto, pero continuando a vender fume, xa que este proxecto que quere ver a luz en marzo aínda parece non só estar lonxe de ser realidade, senón que incluso é posible que sexa imposible de desenvolver coa tecnoloxía actual, resultando moi difícil de crer que unha pequena empresa descoñecida poida crear nos seus laboratorios un produto que non conseguen crear grandes fabricantes do sector que levan décadas traballando en sistemas de barbeado e depilación empregando distintas tecnoloxías.
Nesta ocasión temos así un claro exemplo dos distintos niveis de esixencia que teñen as diferentes plataformas de micromecenado, o que hai que ter moi en conta á hora de apoia un proxecto.
Kickstarter suspende unha campaña de micromecenado que prometía máquinas de barbear láser
Compartir Este Artigo
