Xa está en marcha a segunda edición do concurso de emprendedores Aprendeafinanciarte.com, un certame-web que, como se indica no seu nome, diríxese a fornecer recursos orzamentarios para obtermos a base máis sólida para os nosos proxectos empresariais. O concurso ten dende hai días o seu prazo de inscrición aberto. Este, segundo informa a Cámara de Comercio de Santiago, ficará aberto ata este mércores 21. O certame foi posto en marcha nas comunidades de Galicia, Estremadura, Castela-A Mancha, Aragón, Murcia e Canarias. A nosa terra concorre con medio cento de proxectos.
A través do programa, que vén da man da Cámara de España, bótase un cabo a empresas, autónomos e emprendedores co obxectivo de atopar o financiamento que precisan para iniciar ou continuar a súa actividade empresarial. O programa está cofinanciado pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). Os requisitos para participar son os seguintes: sermos emprendedores, autónomos ou PEME de recente creación, contarmos cunha idea de negocio innovadora e viable, residir nalgunha das seis devanditas comunidades e dármonos de alta na dita plataforma web.
Os emprendedores interesados deben presentar o seu proxecto nun vídeo de dous minutos máximo de duración (na páxina web aprendeafinanciarte.com hai un espazo habilitado para subir as gravacións). Todas as persoas dadas de alta na plataforma poderán votar ata tres proxectos por comunidade. Os dez máis votados de cada territorio pasarán á segunda fase do concurso.
Segundo informa a Cámara de Santiago, dende que se convocou a segunda edición do concurso, presentáronse xa máis dun cento de vídeos. As cámaras de comercio galegas son, ata o de agora, as que máis proxectos recibiron sumando actualmente 49 vídeos.
Os semifinalistas realizarán unha presentación da súa idea emprendedora perante unha mesa de inversores que se celebrará en cada unha das comunidades autónomas participantes. O xurado, seleccionado polas cámaras de comercio, elixirá os dous proxectos finalistas. A final celebrarase en Madrid o 25 de novembro durante o Foro Nacional Aprende a Financiarte. Os finalistas deberán explicar o seu proxecto emprendedor. Ese día coñecerase ao ganador do concurso, que recibirá un premio de 3.000 euros.
Medio cento de firmas galegas participan xa en Aprendeafinanciarte.com
Compartir Este Artigo

