Hoxe e mañá celébrase na Facultade de Filoloxía de Santiago o Congreso Internacional MULTILEX, Lexicografía multilingüe en rede, un encontro dirixido a fomentar o intercambio de recursos e coñecemento arredor dos dicionarios colaborativos e as bases de datos multilingües. O evento vén da man dos responsables do proxecto PORTLEX, unha iniciativa interuniversitaria galega que conta co financiamento do Ministerio de Economía e ten como investigadora principal á profesora María José Domínguez Vázquez. As actividades comezan ás 9.30 horas.
O congreso abranguerá cuestións como a lexicografía electrónica multilingüe actual, os atrancos na creación de dicionarios electrónicos multilingües ou o rol do usuario neste tipo de repertorios. Segundo avanza a organización, achegarase a maiores “unha visión de conxunto dos dicionarios electrónicos multilingües, acompañada da presentación de obras e proxectos concretos”. O congreso artéllase con feitura de conferencias plenarias seguidas de coloquios, pósters e mesas redondas.
Na reunión danse cita os principais especialistas nas devanditas temáticas como Maria Vittoria Calvi, da Università di Milano (Italia); Rufus Gowus, da University of Stellenbosch (Suráfrica); Ulrich Heid (Universität Stuttgart), Christian Meyer (Technische Universität Darmstadt) e Stefan Schierholz (Universität Nürnberg-Erlangen), de Alemaña; Alberto Simões, do Instituto Politécnico do Cávado e do Ave (Portugal); Sven Tarp, da Aarus University (Dinamarca); Carole Tiberius, do Instituut vooer Nederlandse Lexicologie (Leiden, Holanda); Pedro Fuertes-Olivera, da Universidade de Valladolid; Elena de Miguel e Carlos Alonso, da Autónoma de Madrid; Mario Cal Varela, Manuel González González, Ignacio M. Palacios Martínez e María José Domínguez Vázquez, da Universidade de Santiago; e Xavier Gómez Guinovart e Carlos Valcárcel Riveiro, da Universidade de Vigo.
A actividade está patrocinada pola Rede de Lexicografía RELEX, a Universidade de Santiago, a Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e o Instituto da Lingua Galega.
Proxecto PORTLEX
O proxecto de investigación PORTLEX ten o obxectivo de elaborar un corpus multilingüe anotado en alemán, español, francés, galego e italiano, e máis un portal lexicográfico online, modular, reversible e multilingüe. A iniciativa é unha continuación do proxecto bilateral e bilingüe hispano-alemán Estudo contrastivo da frase nominal en español e alemán. PORTLEX está financiada con cargo a unha axuda do Ministerio de Economía e Competitividade, de referencia FFI2012-32456. A iniciativa foi concibida na Universidade de Santiago de Compostela aínda que se elabora por un equipo de investigación de carácter internacional e multidisciplinar, pretendéndose así axuntar as investigacións realizadas en distintas institucións a nivel europeo. O proxecto PORTLEX forma parte da Rede de Lexicografía RELEX.
A USC acolle un congreso internacional sobre lexicografía multilingüe en liña
Compartir Este Artigo

