A Deputación da Coruña presentou o venres os seus vindeiros plans en materia de eAdministración para os concellos. A cita cos alcaldes, os concelleiros e os técnicos das administracións locais da provincia celebrouse na sede da institución que preside Valentín González Formoso. En total, participou case un cento de representantes dos concellos. Na xornada, nun plano máis concreto, déuselles a coñecer as accións de impulso ao eGoberno que desenvolve a institución provincial e máis o novo marco lexislativo que regula este ámbito, un marco, advertiu a Deputación, que “impón un prazo de un ano para a implantación definitiva da eAdministración”.
Na inauguración da xornada, o presidente da Deputación da Coruña sinalou que o afianzamento das novas tecnoloxías nas institucións locais e provincial “é un dos eixes fundamentais da acción da Deputación”. Este eixo non é novo, dixo, “e vénse traballando nel dende hai tempo”, pero a gran novidade é que co novo marco lexislativo “pasamos das intencións ás obrigas”. Por este motivo, o organismo provincial asumiu como reto prioritario integrar a Administración Electrónica en todos os concellos, e así llelo fixo saber aos seus representantes.
Ao fío do devandito, a institución que preside Valentín González lembrou que ten colaborado ata o día de hoxe “na posta en marcha dun total de 85 sedes electrónicas na provincia e na posta en marcha de máis de 30 portais de transparencia doutros tantos concellos coruñeses, tramitado máis de 50.000 expedientes de xeito integramente dixital e atendido máis de 12.000 actuacións de soporte demandadas dende os municipios durante 2014”.
Durante a xornada, tres municipios de distintas comarcas da provincia amosaron cadansúas experiencias no eido tecnolóxico-dixital. O primeiro foi o alcalde de Vimianzo, Manuel Antelo, que salientou a “revolución” que supuxo para o seu concello e para os provedores locais a posibilidade de tramitar as facturas a través da plataforma electrónica AL-SIGM (Sistema Integrado de Xestión Municipal).
Tamén participou expoñendo experiencias TIC o concelleiro de Facenda e Urbanismo de As Pontes, Antonio Alonso, que afirmou que a implantación da Administración Electrónica supuxo un cambio do vello modelo administrativo, “no que un cartafol andaba polos distintos departamentos en busca do funcionario que a amparase”, ao modelo actual no que “funcionarios e políticos traballamos en tempo real sobre o mesmo expediente, compartimos información e documentación e hai procedementos que se poden solapar, coa consecuente axilización do proceso”.
Pola súa banda, o alcalde de Vedra, Carlos Martínez, lembrou que o seu concello xa xestiona licenzas, expedientes, actas de plenos e xuntas de goberno en formato electrónico e espera incorporar a contratación proximamente a este tipo de tramitación.
A Deputación da Coruña quere integrar a eAdministración na totalidade dos concellos da provincia
Compartir Este Artigo

