O Hotel Convento San Francisco de Santiago acolle este venres o Día do Emprendedor de Galicia, un evento dirixido a salientar e impulsar o alento innovador dos nosos estudantes e empresarios presentes e futuros. A cita vén da man da Escola de Organización Industrial (EOI) e desenvólvese co epígrafe Obxectivo 3C: Crear, Consolidar e Crecer en 2016. Ao seu acubillo celebrarase a fase final dos Premios Galicia Emprende. As actividades comezan ás 9.00 horas, coa recepción dos participantes. A partir das 10.00 celébrase a inauguración propiamente dita, a cargo do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e de Fernando Bayón Mariné, director xeral da Fundación EOI. O programa inclúe, entre outras cousas, un espazo demostrativo de robótica e outro destinado a asesorar aos futuros empresarios en mercadotecnia ou finanzas, entre outras temáticas de interese.
A conferencia inaugural (10.30 horas) correrá a cargo de Edurne Pasaban, a primeira muller que subiu os 14 picos de máis de 8.000 metros do planeta.
Os participantes no Día do Emprendedor de Galicia poderán obter asesoramento en áreas como a estratexia de negocio (o plan empresarial de cada firma), a internacionalización ou a mercadotecnia en liña. En total, haberá dez profesionais achegando asesoramento individual sobre estas e outras materias e, previamente, arredor das 12.00 horas, desenvolverase unha actividade-itinerario con 6 intervencións consecutivas doutros tantos expertos en negocios innovadores afondando nas seguintes cuestións: Emprendemento 360 graos, Emprendemento industrial, Financiación: financiamentos alternativos, Emprendemento azul, Emprendemento social e Emprendemento rural.
Sobre os Premios Galicia Emprende que se resolven e se dan a coñecer pola tarde, veñen da man da Fundación EOI e o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE). O concurso busca recoñecer os mellores proxectos emprendedores de calquera sector de actividade no Día do Emprendedor de Galicia. Os participantes achegarán un vídeo de cinco minutos amosando en detalle o seu proxecto, dando conta das súas características, as súas estratexias e a súa viabilidade potencial. Existen tres categorías no concurso: Industrial, Internacional e Competitiva.
Comezan as celebracións do Día do Emprendedor de Galicia
Compartir Este Artigo
