Galicia Calidade, dependente da Consellería de Economía, Emprego e Industria, estrea hoxe unha páxina web centrada na accesibilidade e a proxección das empresas e os produtos que forman parte do selo, así como na utilidade social. A nova web, que inclúe unha renovación total da interface de usuario, sendo máis clara e sinxela, ten como unha das súas principais novidades a Tenda, un espazo no que os usuarios poden consultar os produtos certificados e acceder directamente ás tendas online das respectivas empresas.
A páxina web está dispoñible a través dos dominios de Galicia Calidade cos sufixos .gal e .es, e foi deseñada cos máis esixentes principios de accesibilidade e adaptada para todo tipo de dispositivos móbiles e fixos. Tamén facilita o acceso ás redes sociais de Galicia Calidade (Facebook, Twitter, Google+, Instagram e YouTube), que xa se converteron en canles estratéxicas para a difusión da actividade da marca de garantía e das empresas certificadas. Na actualidade, Galicia Calidade conta con máis de 10.000 seareiros en Twitter e case 9.000 Gústames en Facebook, cun crecemento do 35% no último ano.
O sitio recolle toda a información institucional sobre a empresa, os estatutos e os criterios de certificación, así como a posibilidade de solicitar en liña a certificación dunha empresa. Outro punto destacado e o acceso á información das empresas certificadas, que se poden buscar por sectores (alimentación, viños ou lácteos, entre outros), ofrecendo unha sinopse de cada unha delas, ademais dos datos de contacto e os produtos que teñen certificados con Galicia Calidade. A nova web tamén inclúe a información de todos os selos de certificacións de orixe que hai activos en Galicia, como denominacións de orixe ou indicacións de orixe protexida.
Galicia Calidade renova a súa páxina web
Compartir Este Artigo

