A Agrupación Aeroespacial da Universidade de Vigo presentou os días pasados un novo fito histórico para a súa andaina, para a institución educativa na que se insire e para o noso tecido investigador por enteiro. Así, mentres aínda temos recente o lanzamento do terceiro satélite vigués (o SERPENS, impulsado e desenvolvido pola Agrupación), o equipo de investigadores da UVigo coordinados polo profesor Fernando Aguado dá a coñecer que vén de asinar un contrato coa Axencia Espacial Europea (ESA) para formar parte de AIM (Asteroid Impact Mission), o primeiro programa sobre defensa espacial da ESA. Segundo informa a Universidade, trátase dunha misión posta en marcha para avaliar unha técnica achegada para desviar un asteroide (“impactador cinético”) próximo á Terra e, tamén, para estudalo.
Un dos retos concretos do proxecto é lanzar en 2020 un pequeno satélite para estudar de preto o asteroide binario Didymos. Terá 700 quilos de peso e levará no seu interior dous pequenos satélites de tres unidades de cubesat e varios experimentos para realizar mapas en 3D. Trátase da primeira parte dunha misión espacial denominada AIDA que completará a NASA co lanzamento en xullo de 2021 dunha sonda que choque contra esa lúa para tentar modificar a traxectoria da órbita do asteroide e “construír modelos de impacto que poidan servir para desviar nun futuro corpos que se dirixan cara a Terra”, informa a Universidade de Vigo, que lembra que o papel da Agrupación Aeroespacial de seu será “desenvolver un dos catro conceptos de operación que inclúan tecnoloxía propia do consorcio que deberá levar ante a ESA, que elixirá para a seguinte fase a dúas das propostas presentadas ou integrará diferentes partes das catro en función da análise das solucións expostas”.
O proxecto no que traballará a Universidade de Vigo é DustCube, un cubesat que se vai emprazar a unha distancia de entre 2 e 4 quilómetros do asteroide e que, engade a Universidade, “encargarase de avaliar os anacos de po e rochas que se desprendan tras a colisión (tamaño, forma, densidade…) e a composición mineral dos fragmentos, o que lle dará aos científicos moita información sobre a orixe do asteroide, a súa idade, etc”. O fornecemento deste satélite, engade, fará posible igualmente cuantificar a degradación das comunicacións ópticas entre a nave AIM e a Terra provocadas pola nube de po, “así como probar un sistema de comunicación entre satélites, xa que o tamaño dos cubesats obriga a enviar a sinal ao AIM para que este o derive a unha estación terrestre”.
Nesta nova aventura a Agrupación Aeroespacial contará con dous parceiros, a empresa suíza Micos, especializada en óptica e que se encargará da parte máis científica do proxecto, e a Universidade de Boloña, que se responsabilizará da parte de propulsión do satélite. A Universidade de Vigo sería a encargada de desenvolver a plataforma dun satélite 3U de tamaño semellante ao recentemente lanzado SERPENS (estrutura, potencia e ordenador de abordo para procesado de datos, protocolos de comunicación), das operacións, de dirixir o proxecto e de coordinar toda a misión.
A Agrupación Aeroespacial da UVigo traballará nun proxecto para desviar un asteroide da súa órbita
Compartir Este Artigo

