A Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA) e a Alianza Tecnolóxica Intersectorial de Galicia (ATIGA) a través de EnergyLab, o Centro Tecnolóxico Gradiant e o Clúster TIC Galicia, van organizar este xoves a xornada Horizonte 2020 en 2016: Enerxía segura, limpa e eficiente; Tecnoloxías da Información e a Comunicación (ao detalle en formato PDF). As sesións desenvolverase na sede da FEUGA, en Santiago, a partir das 10.00 horas, cunha benvida institucional a cargo do director xeral de FEUGA, Francisco Javier Pereiro, o director de Gradiant, Luis Pérez Freire, a xerente de EnergyLab, Carmen Iglesias, e o presidente do Clúster TIC, Antonio Rodríguez del Corral. Na xornada colaboran tamén o Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI) e a Axencia Galega de de Innovación (GAIN).
Nas sesións, técnicos do CDTI especializados nas áreas da enerxía e as TIC amosarán as prioridades de financiamento para as convocatorias de 2016, dotadas con 960 millóns de euros. Segundo informa a organización, centraranse nas temáticas de meirande interese para Galicia, como por exemplo e eficiencia enerxética, as Cidades Intelixentes, as grellas intelixentes para o ámbito da enerxía, a Internet das Cousas, a información masiva (Big Data), a saúde dixital, a agricultura intelixente ou as factorías do futuro para TIC. O encontro tamén acubillará a presentación de proxectos europeos aprobados, casos de éxito que “demostrarán a accesibilidade destas convocatorias”, sinalan os organizadores, que engaden que o programa da xornada inclúe igualmente unha “rolda H2020” na que as entidades cunha idea de proxecto poderán contrastar o seu encaixe nas convocatorias de 2016.
A xornada forma parte do programa de actividades informativas Horizonte 2020 en 2016 que os coorganizadores, xunto ao Centro Tecnolóxico da auga (CETAQUA) e o Gabinete de Promoção do Programa-Quadro de I&DT (GPPQ), levarán a cabo durante o mes de novembro.
Gradiant e Clúster participan nunha xornada para amosar as prioridades de financiamento europeo en TIC-enerxía
Compartir Este Artigo

