Microsoft continúa coa súa política de levar os seus servizos a todas as plataformas nas que teña un bo número de usuarios, non limitándose aos produtos incluídos no seu Office, e incorporando tamén tecnoloxías como a do seu asistente de voz, Cortana, que actualmente está dispoñible para Windows Phone e Windows 10 e, tras iniciar unha beta pública para Android, principia agora unha fase de probas para iOS, limitada inicialmente aos EE.UU. e China, tendo que completar unha enquisa os usuarios que queiran participar nesta beta.
Este paso é bastante rechamante, xa que Apple integra en iOS o asistente Siri, polo que o feito de que se posibilite a competencia con Microsoft neste ámbito non parece a política habitual da compañía de Cupertino, aínda que cómpre ser consciente de que Cortana terá difícil competir con Siri, xa que o asistente de Apple goza dunha integración no sistema á que Microsoft non pode aspirar. A intención de ter Cortana en iOS é, principalmente, completar a experiencia de Windows en dispositivos móbiles.
Cortana é un asistente que cada día incorpora máis funcionalidades, e aínda que nun principio poderiamos pensar que simplemente serve para realizar buscas en Bing, pouco a pouco vai servindo para tarefas como enviar correos electrónicos, programar eventos na nosa axenda e moitos outros usos que facilitarán un uso máis natural dos sistemas electrónicos no futuro.
Cortana inicia as súas probas en iOS
Compartir Este Artigo
