A Federación de Comercio de A Coruña, presidida por Miguel Agromayor Vázquez, celebrou esta mañá na sede da Confederación de Empresarios de A Coruña unha iniciativa de divulgación para dar a coñecer os recursos dos que dispoñen os nosos novos profesionais para lanzar iniciativas de mercado innovadoras. Trátase do Taller de Emprendemento e Creatividade Tecnolóxica, organizado en colaboración coa Federación Galega de Comercio e a Xunta a través da Dirección Xeral de Comercio, cuxa máxima responsable, Sol Vázquez Abeal, amosou as ferramentas que a Administración galega pon a disposición dos empresarios e emprendedores para facilitar ao máximo a posta en marcha de novas iniciativas de mercado.
O obxectivo do obradoiro, que se desenvolverá nas catro provincias galegas, é fomentar o emprendemento, a renovación e a consolidación comercial. Neste senso, foron expostas experiencias de éxito de empresas como Boutique Trés Jolie (Cristina Rey), Boutique Pilar y Carmen (Pilar Varela), Mustang (José Manuel Castro) e Zapaterías 100pies (David Vidal), todas elas, segundo se fixo saber, “baseadas na innovación e as novas tecnoloxías da información”.
Segundo engade a Federación de Comercio da Coruña, do que se tratou con esta experiencia foi “de transmitir información e exemplos de aptitudes e competencias que permitan ao comercio galego responder efectivamente ós desafíos, problemas, oportunidades e cambios que afronta”. Ou sexa, que o que se buscou (e buscarase nos vindeiros obradoiros) foi “achegar medios para que o sector acade a diferenciación e competitividade necesaria a través do emprego de novas canles de promoción e venda, distribución, mantemento de clientes e coñecemento do consumidor”.
As Federacións de Comercio impulsan con obradoiros o emprendemento e a innovación
Compartir Este Artigo

