Esta mañá presentouse a Xacopedia, unha enciclopedia en liña que recolle a cultura xacobea nun espazo web que amosa información do Camiño de Santiago de xeito sinxelo permitindo a interacción do usuario. Este espazo recolle máis de tres mil entradas do A ao Z, milleiros de fotografías e máis dun cento de mapas e gráficos sobre a Ruta Xacobea. Unha obra totalmente actualizada, cunha interface sinxela e moi atractiva, adaptado a todos os dispositivos, que conta coa colaboración de destacados especialistas internacionais do Camiño de Santiago.
Durante a súa presentación, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, destacou que o feito de promover e potenciar a investigación e o afondamento nas raíces do Camiño de Santiago repercute moi notablemente na súa conservación e na súa posta en valor. Explicou que esta é unha das iniciativas incluídas no Plan Director e Estratéxico do Camiño de Santiago na súa liña estratéxica dedicada á investigación, comunicación e divulgación do Camiño e da Cultura Xacobea.
A Xacopedia dispón dun buscador para a localización dos distintos termos e dos contidos das distintas entradas. Á vez que o usuario vai tecleando vánselle mostrando suxestións dos distintos termos almacenados na base de datos de maneira que a busca de información resulta moi doada.
Ademais, cada información contén ligazóns a todos aqueles termos que se atopen dentro da grande enciclopedia para, dun xeito rápido, cómodo e sinxelo, poder seguir profundando nos contidos. Así mesmo, os usuarios poden complementar cada entrada e os comentarios poden ser contestados por outros usuarios e marcados como “Me gusta”.
Polo momento a Xacopedia só presenta os seus contidos en español e, aparte das entradas do que aseguran que é “a primeira enciclopedia virtual do Camiño de Santiago”, tamén inclúe unha relación dos albergues do Camiño incluíndo o seu ano de fundación e número de prazas.
Xacopedia, a nova enciclopedia virtual do Camiño de Santiago
Compartir Este Artigo

