A Alianza para a Innovación en Internet das Cousas (AIOTI) vén de publicar os doce informes que conteñen as Recomendacións para o futuro traballo colaborativo en Internet das Cousas dentro de Horizon 2020. Estas recomendacións de alcance europeo cobren as principais áreas de interese en materia de tecnoloxías para os obxectos conectados (as tecnoloxías IoT) entre 2016 e 2017. Os documentos foron elaborados polos once grupos de traballo que xuntan forzas na AIOTI: grupos formados por expertos da industria a alto nivel, innovadores, usuarios finais, especialistas en regulación e representantes sociais. O Grupo de Traballo 6, o que centra esforzos no ámbito da Internet das Cousas aplicada ao Smart Farming and Food Security, está liderado polo centro tecnolóxico Gradiant. Para o centro tecnolóxico, o ámbito da IoT para as actividades que abrangue o concepto farming é un “eido de notable interese para Galicia, cuxo sector primario representa unha parte importante do seu PIB”.
Sinalar que o concepto de Smart Farming engloba a aplicación de recursos intelixentes en boa parte do sector primario, non só na contorna agrícola, senón tamén, por exemplo, na acuicultura e na gandería. Polo que respecta a Food Security, é un concepto que comprende seguridade alimentar pero tamén abrangue cuestións complementarias como control de alimentos ou seguimento do mesmos (o que se coñece como rastrexabilidade ou trazabilidade: procesos e tecnoloxías para coñecer o histórico, o emprazamento e a traxectoria dun produto ao longo da cadea de subministros).

Como lembraremos, a Alianza para a Innovación en Internet das Cousas (AIOTI), posta en marcha grazas ao impulso da Comisión Europea, reúne a varias das maiores compañías tecnolóxicas que operan en Europa, como Samsung, Siemens, Telefónica, IBM, ou Cisco; ademais de centros tecnolóxicos e de investigación punteiros nos seus ámbitos de actuación a nivel europeo, como por exemplo Gradiant, que lidera como dixemos a fronte de traballo sobre granxas intelixentes.
Salientar que entre os obxectivos marcados pola Comisión Europea para os Grupos de Traballo de AIOTI destaca a elaboración de recomendacións para o desenvolvemento dunha serie de pilotos de innovación en IoT a gran escala, que serán financiados polo programa de innovación europeo Horizon2020 e que comezarán a partir de 2017. Eses documentos de recomendacións destinados á Comisión foron feitos públicos os días pasados e remitidos ao órgano de goberno da UE.
A AIOTI púxose en marcha o 4 de febreiro de 2015 baixo os auspicios da industria da Internet das Cousas e a Comisión Europea, creándose con ela “unha nova voz global para a IoT en liña cos valores europeos”. A industria, a través desta alianza, comprometeuse a establecer o ecosistema da Internet das Cousas “máis dinámico e áxil no mundo”, para mellorar a vida das persoas, para axudar a liquidar os retos da sociedade, e para estimular o crecemento. A AIOTI é hoxe en día o meirande foro de especialistas e desenvolvedores do ámbito IoT no continente. Entre os seus cometidos áchanse os de identificar os atrancos para a implementación da era dos obxectos conectados, as lagoas na estandarización e a normalización, amais de promover sinerxías xuntando aos distintos actores involucrados de todos os sectores: telecomunicacións, Internet, automotriz, fogar, sector primario, saúde e Cidades Intelixentes.
Gradiant contribúe a definir o futuro do sector primario europeo a través da Internet das Cousas
Compartir Este Artigo

