A importancia de comunicarse para transmitir o noso estado, algún desexo ou necesidade de axuda é algo no que ninguén repara pois case todas as persoas son quen de levalo a cabo. O xeito máis común de comunicarnos é a comunicación verbal, que se pode manifestar de dúas maneiras: oral (mediante signos orais e palabras faladas) ou escrita (mediante a representación gráfica de signos). O caso que nos ocupa é pensar naqueloutras persoas que non son quen de acadar esta comunicación verbal, como se comunican elas? Pois na actualidade, para as persoas sen comunicación verbal (que non poden falar, ler ou escribir) a comunicación con sistemas de mensaxería instantánea como o Whatsapp ou o Telegram non é posible. Precisan dun sistema de comunicación que permita o emprego de pictogramas no lugar de texto e nisto é no que se basea a aplicación para dispositivos Android PictoTalk, desevolvida por Accegal.
Trátase dun proxecto de colaboración entre profesorado de centros públicos e o Grupo de Tecnoloxías da Información (GTI) da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación para a elaboración de solucións de accesibilidade baseadas en dispositivos móbiles.
O enxeñeiro Sergio Álvarez traballou durante un ano no deseño desta aplicación ata convertela no seu proxecto fin de carreira da man do profesor Enrique Costa e a mestra e pedagoga Fátima García. Dende o mes de xullo, que comezou a estar dispoñible na páxina de Accegal e en Google Play, a app ten xa máis de 600 usuarios. Trátase dunha aplicación de mensaxería instantánea para usuarios sen lectoescritura aos que lles permite a comunicación a través de pictogramas que representan esquematicamente un símbolo, obxecto real ou figura. PictoTalk é un sistema de mensaxería que, empregando Internet, permite a comunicación a distancia. A aplicación é altamente configurable e permite a cada usuario contar cunha selección de pictos adaptada ás súas necesidades, que se poden descargar e aos que se poden unir fotografías de obxectos reais que axuden á comunicación. A app está dispoñible en español, inglés, alemán, francés e italiano.

As persoas con dificultades de comunicación xa contan cunha app de raizame galega
Compartir Este Artigo

