O Grupo de Tecnoloxías Multimedia, integrante da agrupación AtlantTIC (Universidade de Vigo), vén de participar en Alemaña no concurso MediaEval 2015, unha iniciativa na que investigadores de todo o mundo achegan as últimas novidades sobre avaliación multimedia e recuperación de datos e na que os proxectos do equipo vigués, centrados na busca de datos a través de voz e imaxe, conseguiron unha cuarta posición, “o mellor posto de entre todos os investigadores e investigadoras que participaban por primeira vez neste certame”, informa a Universidade de Vigo, que engade que os traballos amosados en Alemaña polo Grupo encamíñanse, basicamente, a acadar procuras de información máis doadas e eficaces.
O Grupo de Tecnoloxías Multimedia, dirixido pola catedrática Carmen García Mateo, ten entre os seus obxectivos loitar contra a desorde e a desinformación á que nos pode abocar, precisamente, a información inxente. Sobre todo, de non haber xeitos de recuperar un dato concreto de xeito eficaz e eficiente cando o precisamos. Deste xeito, o Grupo ten xa unha longa experiencia na detección e identificación de conceptos e persoas a través do contido do propio arquivo, evitando limitar a busca aos títulos ou ás etiquetas cos que se identificara un documento. Grazas a estes esforzos, xurdiulles ás súas integrantes a posibilidade de participar en MediaEval, un concurso promovido por diversas institucións europeas cuxo principal obxectivo é analizar novos algoritmos para a recuperación de datos e o acceso multimedia.
Nesta ocasión este equipo (enxeñeiras e enxeñeiros da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación), participaron en dúas das tarefas do concurso. Por unha banda, na denominada Quesst (Query by Example Search on Speech Task), que consistía en buscar e identificar correctamente os exemplos concretos dados pola organización, que aparecían en unha serie de documentos de son. Neste senso, Paula López, investigadora na que recaeu esta tarefa, explica que lles entregaron arquivos en idiomas descoñecidos sobre os que debían traballar para localizar os exemplos concretos que lles deu a organización. Para acadalo, “traballamos con software libre para a busca de características e software de desenvolvemento propio para a busca exacta dos termos esixidos polos organizadores”, explica López.
A outra tarefa na que participou este equipo de AtlantTIC foi na denominada Multimodal Person Discovery in Broadcast TV, na que se “debía crear un algoritmo que fose capaz de identificar automaticamente e indicar que persoa ou persoas, descoñecidas para nós, estaban falando en cada momento do vídeo, xeralmente de noticias de televisión reais”, apunta Rosalía Barros, investigadora encargada deste apartado, que engade que “a identidade descubríase a partir do nome, que aparecía sobreimpreso na pantalla e debiamos asocialo aos datos de imaxe e de voz, indicando en que momento do vídeo aparecía e estaba falando a persoa, polo que ademais da identificación da voz debiamos incluír ferramentas de recoñecemento facial”.
Segundo explican os investigadores “as aplicacións de ambas investigacións son múltiples e variadas, válidas tanto para coleccións bibliográficas e documentais, como para facilitar as buscas en Internet, permitindo que os usuarios poidan acceder a cortes de vídeo nos que sae falando a persoa e non exclusivamente o acceso aos arquivos nos que só aparece identificado o título do vídeo, por citar un exemplo”.
O concurso MediaEval distingue os traballos do Grupo de Tecnoloxías Multimedia de AtlantTIC
Compartir Este Artigo

