O pasado venres pola noite a actualidade tivo unha grande repercusión na Internet, e os atentados terroristas de París convertéronse nun exemplo máis do poder que teñen as redes sociais e as novas ferramentas móbiles para ternos informados ao minuto, especialmente nun momento no que medios tradicionais como a televisión fracasaron estrepitosamente á hora de dar información de última hora (de feito, boa parte da poboación española non soubo nada dos atentados ata a mañá do sábado). Pero se ben a cobertura televisiva en España foi moi criticada, é máis salientable o valor de novas plataformas en liña para achegarnos á primeira liña da actualidade, de xeito que, moitos usuarios, ao saber do que acontecía en París, recorreron rapidamente a Twitter e Periscope para ter acceso a testemuños directos.
Precisamente o caso de Periscope foi o máis novidoso, por ser unha aplicación de moda que permite a transmisión de vídeo en vivo, e que incluso chegou a ter problemas durante a noite do venres por mor do uso intensivo ao que estaba a someterse ao servizo. Pero non era para menos, xa que incluso puideron verse retransmisión dende a propia sala Bataclan minutos antes dos ataques, ao igual que tamén había retransmisións realizadas dende fiestras de edificios próximos aos ataques que permitían facer seguimentos en vivo do acontecido, algo que agora é posible grazas a que practicamente todos os cidadáns levamos un smartphone connosco, o que permite comunicar globalmente o que acontece ao noso redor en tempo real en case calquera momento e lugar.
Se ben para a cobertura de última hora Twitter tivo un grande uso, dende Facebook non quixeron manterse alleos á actualidade, e activaron para París a súa ferramenta Safety Check (empregada normalmente ante desastres naturais) para que os usuarios nas zonas en perigo poidan indicar aos seus amigos en Facebook que están ben, evitando así que sexa preciso establecer un contacto directo para saber se un familiar ou amigo é vítima do acontecido (o que non resulta doado precisamente nese tipo de situacións). Cómpre destacar que esta acción de Facebook non foi recibida moi ben por moitos que consideraron moi arbitrario o seu uso, xa que é a primeira vez que Facebook usa esta ferramenta nun caso de terrorismo, cando houbo moitos outros atentados importantes nos resto do mundo que non conseguiron este tratamento preferente, dando a impresión de que Facebook distingue en función da orixe das vítimas.
O que si tivo unha resposta moi rápida en Facebook foi a ferramenta que se popularizou coa aprobación do matrimonio homosexual nos EE.UU., que permitía aplicar a bandeira multi-cor na nosa fotografía de perfil, e que desta volta facía o mesmo coa bandeira de Francia en solidariedade coas vítimas, e coa vantaxe de que incorporaba outra das funcionalidades nas que Facebook levaba un tempo traballando: que os cambios de imaxe de perfil puidesen ser temporais. Deste xeito, os usuarios podían indicar que a súa imaxe de perfil estivese tinguida coas cores francesas durante 1 hora, 1 día o u unha semana, evitando así perpetuar un xesto dun xeito que puidese confundir ao resto de usuarios.
Outra empresa tecnolóxica que tamén quixo ter un detalle cos afectados dos atentados foi Microsoft, xa que decidiu que durante varios días as chamadas a teléfonos móbiles e fixos franceses dende Skype fosen de balde, sempre e cando se limitasen a un uso individual honesto (de detectaren abusos desactivarían a promoción).
Os atentados de París deixaron unha forte pegada na Rede
Compartir Este Artigo
