Este 18 de novembro os seareiros (e anti-seareiros) das redes sociais teñen unha cita ben interesante en A Nave de Vidán en Santiago. Trátase dunha nova edición das NerdNite de Santiago, un encontro para xente con sede de coñecemento científico e tecnolóxico e que, desta volta, semella especialmente indicada para a vertente máis retranqueira, crítica e autocrítica da audiencia compostelá. A cita comezará cun relatorio de Antonio Rial, profesor de Metodoloxía das Ciencias do Comportamento da USC, que nos vai pór ao tanto das razóns (físicas, emocionais, psicolóxicas) de estarmos tantos internautas e durante tanto tempo compartindo cousas e puntos de vista nas redes sociais. A súa intervención desenvólvese baixo o seguinte epígrafe: Que carallo teñen as redes sociais? Na NerdNite tamén falarán Fernando Pardo (Patentes e Star Wars: Por que o imperio perdeu a guerra?) e Celedonio Fernández (Pero, chegou o home realmente á Lúa?).
Por certo que as NerdNites SCQ son unha iniciativa de divulgación e reflexión que vén da man do profesor Jorge Mira, catedrático de Electromagnetismo da Universidade de Santiago e divulgador, que pretende levar a ciencia máis aló das canles habituais.
Volvendo ao relatorio de Antonio Rial, lembrar que o profesor da Universidade de Santiago é un dos investigadores da nosa terra que máis e mellor ten estudado o fenómeno das adiccións dixitais na mocidade e do uso indiscriminado nas novas xeracións das ferramentas de comunicación social (Facebook pero tamén Twitter ou Whatsapp). Como recordaremos, é o co-autor do pormenorizado estudo sobre os usos nocivos de Internet realizado entre 44.000 adolescentes galegos o ano pasado, igualmente é un dos principais artífices da plataforma en liña posta en marcha para recompilar datos reais sobre o uso que as nosas mozas e mozos fan das novas tecnoloxías (unha ferramenta para permitir afondar nos programas de prevención de riscos no uso da Rede).
Segundo avanza Rial con motivo do seu relatorio deste mércores, as adicións ás novas tecnoloxías e en concreto ás ferramentas sociais teñen orixes en múltiples planos: o sociolóxico, o psicolóxico, o individual, o lúdico, o económico etc. Na súa opinión, cómpre “considerar as redes sociais primeiro dende o punto de vista económico; é imposible que non atraian, xa vai haber alguén que se ocupe de que sexan atractivas porque xeran cartos”. E engade: “Podemos falar do que proporciona á persoa, ás súas relacións persoais, de parella, aos adolescentes, unha análise máis psicolóxica, pero tamén ao lado hai que ter en conta que hai unha dimensión económica”.
A febre das redes sociais e os seus porqués, ao detalle na NerdNite de Santiago
Compartir Este Artigo

