Tras levar preto dun mes operando Netflix en España, un certo malestar existe nas comunidades autónomas nas que existe unha segunda lingua oficial, xa que o servizo de vídeo baixo demanda só está a incluír audio e subtítulos en versión orixinal e español nos seus contidos, pese a que varias das producións dispoñibles emitíronse en televisións autonómicas, de xeito que estarían previamente dobrados. Isto levou a Anxo Núñez, inquedo creador da plataforma social en galego Lugher, a organizar unha recollida de sinaturas a través de Change.org para esixir que Netflix España engada a opción de versión en galego nos filmes que dispoñan da mesma.
Esta campaña incide no feito que durante os últimos trinta anos dobráronse ao galego numerosas series de televisión e filmes que actualmente non están dispoñibles na nosa lingua para o público, polo que a súa publicación en plataformas de vídeo baixo demanda facilitaría o seu acceso legal en galego, o que claramente contribuiría á normalización da nosa lingua.
Non estamos ante unha reclamación que chegue só dende Galicia, senón que dende Euskadi tamén están a promover unha campaña en Change.org na mesma liña, e en Cataluña o asunto chegou á propia Generalitat, concretamente á Dirección Xeral de Política Lingüística, que reprocha que Netflix incluso dobre contidos subtitulados en sueco, noruegués ou danés, linguas empregadas por menos falantes que o catalán.
Ao parecer, Netflix España si tería a intención de emitir series e películas en catalán, éuscaro e galego, pero non queren dar tal paso ata poder contar cos medios técnicos e humanos que lle permitan facelo coas tres linguas simultaneamente.
Unha campaña en liña pide que Netflix inclúa contidos en galego
Compartir Este Artigo
