A Universidade de Santiago, a través da súa Área de Orientación Laboral, vai organizar un obradoiro de balde sobre a rede social por excelencia do ámbito da promoción profesional: a rede LinkedIn. O taller, que ten aberto o seu prazo de matrícula, é unha actividade de natureza práctica dirixida a pór de manifesto os recursos máis acaidos do dito servizo para os nosos vindeiros profesionais. Trátase, máis polo miúdo, do obradoiro Para que Linkedin?: aprender o uso eficaz desta rede profesional, que impartirá na mañá deste xoves 19 Alberte Cea, orientador laboral no Concello de Vigo e experto no uso de ferramentas dixitais, redes sociais e profesionais na busca de emprego.
A actividade vai dirixida ao alumnado de últimos cursos de graos e licenciaturas, así como de máster e estudantes acabados de titular. Nas tres horas do curso, sinala a USC, “coñecerase a utilidade desta ferramenta profesional para a busca de emprego e o establecemento de contactos profesionais, ademais de adquirir e exercitar habilidades para a optimización no seu uso”. O obradoiro desenvolverase dende as 10.00 horas na Aula de Informática 7 da Facultade Ciencias Económicas e Empresariais.
Sobre a rede social
Como lembraremos, LinkedIn é un sitio web orientado principalmente ao ámbito dos negocios. Foi fundado en decembro de 2002 e lanzado en maio de 2003 como rede social de índole profesional. En outubro de 2008, tiña máis de 25 millóns de usuarios rexistrados, estendéndose a 150 industrias. En marzo de 2013 dispuña de máis de 200 millóns de usuarios rexistrados de máis de 200 países, abranguendo todas as empresas da lista da revista Fortune das 500 maiores empresas estadounidenses. O 19 de maio de 2011 converteuse na primeira rede social estadounidense en pór accións na bolsa de valores, cun prezo inicial de US$45. Un dos propósitos deste sitio é habilitar unha plataforma para que os usuarios poidan manter unha listaxe con información de contactos das persoas con quen teñen relación. Os membros poden subir o seu currículo ou deseñar o seu propio perfil co fin de amosar experiencias de traballo e habilidades profesionais. Pódese utilizar para atopar postos de traballo e oportunidades de negocio recomendados por algún outro membro da rede de contactos.
A USC achega este xoves un obradoiro práctico sobre como tirar o máximo proveito de LinkedIn
Compartir Este Artigo

