A celebración do Black Friday ou Venres Negro é algo relativamente novo en España, e a data este ano será o vindeiro día 27, o que leva a algúns medios a advertir dalgo que xa hai tempo que se promulga nos EE.UU.: as ofertas do Black Friday son un mito. Por unha banda hai estudos que sosteñen que as supostas gangas que congregan a centos de persoas ás portas de centros comerciais (co risco que iso supón no momento da apertura dos establecementos) limítanse a unhas poucas unidades con descontos de só entre o 10 ou o 20%, o que claramente non compensaría horas de espera e pór en risco a integridade física. Pero a cousa non remata aí, senón que eses mesmos produtos poden atoparse con ese mesmo prezo en moitas outras ocasións, incluíndo días antes do Nadal, polo que adiantar as compras tampouco sería tan boa política.
O feito de que os prezos de certos produtos acaden un mínimo anual no Black Friday tamén sería falso e, por exemplo, o prezo dos xoguetes sería inferior a mediados de decembro, á vez que a roupa de inverto custaría menos a fin de semana anterior ao Nadal, ou sexa, que os establecementos comerciais estarían a primar máis as compras de última hora que as compras impulsivas anticipadas. De feito, tamén sería un mito que é o día de máis compras do ano, xa que o sábado anterior a Nadal sería unha xornada moito máis concorrida (polas compras de agasallos de última hora).
Aínda que nos medios de comunicación tendemos a ver a xente entolecida mercando televisores de grande tamaño, o que acontece normalmente durante o Black Friday é que rebáixanse televisores de marcas descoñecidas a xeito de reclamo, mentres que os televisores de marcas recoñecidas experimentan maiores descontos antes das grandes citas deportivas (momento no que tamén se dispara a venda de televisores). Ou sexa, que parece que estamos ante unha cita comercial que a primeira vista sería un enorme engano.
Hai moitas outras tácticas que usan os establecementos, como ofertar lotes de produtos, dos que normalmente só se quere un e o resto inclúense a xeito de complementos case regalados, pero que ao facer as contas atopamos que son innecesarios ou que, se os tivésemos que mercar soltos recorreríamos a outros de maior calidade. Outras ofertas tamén están baseadas en cupóns para compras futuras (o que podería levarnos a facer uns gastos moi superiores ao necesario).
En definitiva, que normalmente nos EE.UU. as compras durante o Black Friday non serían o máis recomendable, por resultar incómodas, perigosas e incluso pouco rendibles economicamente, de aí que xa hai quen asegura que este fenómeno está a morrer, pero probablemente o caso español sexa bastante diferente, pois onde colle moita forza é na Rede, onde podemos comparar prezos e decidir as compras dun xeito máis repousado, de xeito que en vez de velo como o día no que hai que aproveitar as rebaixas como unha oportunidade de outro, deberiamos velo como unha xornada na que algúns produtos están rebaixados e, se xa tiñamos pensado adquirilos, e vemos que o prezo en oferta en considerablemente inferior ao que tiña en meses anteriores, aproveitar a ocasión. En calquera caso, o que si será posible é ver as mesmas oferta do día 27 replicadas en moitas promocións durante o mes de decembro, especialmente agora que o comercio electrónico fai que non sexa preciso mercar os produtos antes de que voen dos estantes das tendas. As ofertas irrepetibles durante o Black Friday si son un mito a ambos lados do Atlántico, e cómpre advertir aos consumidores que sempre realicen as súas compras con sentido común, e non deixándose levar por promocións que en moitas ocasións non son tal.
A proximidade do Black Friday chama á súa desmitificación
Compartir Este Artigo
