A entidade financeira BBVA anunciou o lanzamento da campaña A Revolución das Pequenas Cousas, unha iniciativa que aglutina funcionalidades innovadoras dirixidas mellorar a experiencia multicanle dos clientes”. Entre as funcionalidades que xunta a campaña hai servizos como a sinatura a distancia, o pago co móbil ou a chamada identificada a través da aplicación móbil de BBVA (ferramenta que, por certo, xa superou os 4,2 millóns de descargas). Con esta campaña, sinala a banca, “presentamos aos usuarios recursos que xa teñen dispoñibles e que farán máis áxiles e sinxelas as operacións financeiras, cambiando ademais conceptos tradicionais da banca”.
Por exemplo, a nivel de xestión, o cliente que o desexe poderá solicitar a alta no servizo de balde BBVA Contigo a través da web da entidade ou da súa aplicación. “Unha vez asignado un xestor persoal, o cliente pode facer as xestións a través do correo electrónico ou chamando directamente desde a app”, explican fontes da entidade, que salientan tamén as novidades postas en xogo no eido dos pagos, ao abeiro do cal calquera usuario de servizos de BBVA poderá ter todos os seus cartos en BBVA Wallet e pagar directamente co seu dispositivo. Asemade, no ámbito das sinaturas, céibase ao usuario de ter que desprazarse á oficina para asinar os seus contratos (“poderá facelo de maneira segura e en calquera lugar a través da firma a distancia, mesmo produtos con máis dun titular”, explica a compañía).
Polo que atinxe ás tarxetas, achégase máis control ao titular sobre as mesmas. Así, o titular poderá decidir cando quere apagar ou acender os cartóns, a través da app BBVA Wallet. Mesmo estará en disposición de determinar que tipo de pagos permite co seu cartón (por exemplo poderá bloquealo para pagos por Internet, pero telo activado para pagar nun comercio). Estas novidades, que se presentan na nova campaña, compleméntanse cos seguintes servizos: o pago de recibos non domiciliados no móbil, a posibilidade de marcar produtos financeiros cun só clic na aplicación ou unha ferramenta específica do BBVA de Apple Watch (coa que poderemos consultar a nosa posición global, o saldo agregado das nosas contas e o detalle dos produtos contratados, entre outras funcionalidades), etc.
Resumo do acadado
A entidade financeira tamén destacou, facendo reconto do acado polas súas innovacións TIC, que a aplicación de seu superou amplamente os 4,2 millóns de descargas e BBVA Wallet, a aplicación de xestión de cartóns, as 850.000 só en España. O servizo de xestión BBVA Contigo conta con máis de 600.000 clientes no eido estatal. Durante este ano 2015, Grupo BBVA continuou ampliando a base de clientes que se relacionan co banco a través de canles dixitais. A peche de setembro, contaba con 14 millóns deste tipo de clientes, un 21% máis que no mesmo mes do ano pasado. “A este ritmo”, explicaron fontes da entidade financeira, “prevemos cumprir os obxectivos de acadar 15 millóns de clientes dixitais ao remate do ano, dos que oito millóns serían de banca móbil”. Ademais, en setembro un 23,7% dos novos créditos ao consumo contratáronse por canles dixitais, un 14,4% máis que en xaneiro de leste mesmo ano.
BBVA lanza un cumprido feixe de servizos dixitais para os clientes
Compartir Este Artigo

