Coma se fose un agasallo de Nadal, hoxe chegou aos catálogos de Spotify, Apple Music, Slacker, Tidal, Groove, Rhapsody, Deezer, Google Play e Amazon Prime o catálogo musical do grupo The Beatles, de xeito que a banda de Liverpool deixa de resistirse á realidade do mercado musical (lembremos que a súa música non puido mercarse en formato descargable ata hai 5 anos) e agora podemos escoitar a súa discografía de balde a través das plataformas de streaming máis populares.
Quedan así poucas formacións musicais de grande peso sen aceptar o streaming, e a resistencia a este formato de explotación da música tende a limitarse ás primeiras semanas de lanzamento dalgúns álbums, que establecen unha fiestra para favorecer a venda de discos que pese a ser moi reducidas en xeral, no caso de artistas como Taylor Swift ou Adele continúan a vender millóns de copias internacionalmente.
Realmente non estamos ante a estrea dos Beatles no streaming, xa que Pandora xa permitía a súa reprodución en liña (xa que está considerada como unha radio en liña e non un servizo de música baixo demanda), pero ao estrearse hoxe en Spotify pode considerarse como un momento histórico, e é de agardar que consiga un elevado volume de reproducións nos vindeiros días (lembremos que cando se estreou o seu catálogo en iTunes conseguiu vender máis de 2 millóns de cancións na súa primeira semana). Pese a estarmos ante unha formación musical desaparecida hai bastantes anos, o seu catálogo musical demostra estar moi vivo.
Os Beatles chegan a Spotify
Compartir Este Artigo
