Aínda que en España aínda falta para o remate das festas de Nadal, nos EE.UU. xa as dan por rematadas, polo que compañías como Amazon xa están a facer balance, confirmando o impresionante crecemento do comercio electrónico. O caso de Amazon é moi especial, xa que a compañía ten 21 campañas de Nadal ás súas costas, e o feito de que conte con servizos como Amazon Premium, que permite recibir pedidos de xeito urxente a un custo anual fixo fai que en épocas como estas resulte moi atractiva a compra en liña.
Comentan que o seu servizo Prime (nome que recibe Amazon Premium nos EE.UU.) captou 3 millóns de novos subscritores só na terceira semana de decembro (deixando claro o peso que teñen os envíos rápidos antes do Nadal) e moveu máis de 200 millóns de produtos. A nivel mundial este servizo conta xa cuns 10 millóns de usuarios.
Outro detalle a salientar é que Amazon Prime nos EE.UU. tamén inclúe un servizo de vídeo baixo demanda a través da Internet, que nestas datas tamén rachou con todas as marcas da compañía, dobrando o número de horas vistas con respecto ao ano pasado, o que confirma o pulo do streaming de vídeo nos nosos hábitos de consumo audiovisual.
Outros datos salientables dos comunicados por Amazon son que preto do 70% dos clientes da compañía fixeron os seus pedidos a través do móbil durante as festas e, de feito, os número de usuarios de Amazon.com facendo os seus pedidos a través da aplicación móbil durante as festas foi de máis do dobre que o ano pasado.
Amazon Premium trunfa no Nadal
Compartir Este Artigo
