Facilitar a accesibilidade aos servizos en liña, ese é o obxectivo principal do servizo Chave 365, que xa se pode solicitar no Rexistros da delegacións da Xunta en Vigo, A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra e Ferrol. A AMTEGA, en colaboración coa Vicepresidencia da Xunta, puxo en marcha este servizo o pasado mes de setembro no Rexistro Xeral da Administración autonómica en Santiago e a través da sede electrónica.
O Servizo Chave 365 simplifica a xestión telemática coa Administración facilitando uso de claves concertadas para acceder á sede electrónica. A Xunta pon en marcha esta iniciativa ante a dificultades de uso do certificado electrónico e para evitar que as persoas menos familiarizadas co emprego das novas tecnoloxías queden excluídas dos servizos electrónicos. Este servizo dota aos cidadáns e as empresas dun mecanismo de identificación e sinatura electrónica sinxelo que ofrece garantías de seguridade similares ao certificado electrónico.
Para empregar este sistema o usuario só ten que darse de alta no servizo, verificando a súa identidade, ben a través da sede electrónica ou ben no Rexistro Xeral da Xunta, onde xa pode solicitarse.
Unha vez verificada a súa identidade, o usuario recibirá no seu móbil unha clave de acceso, que empregará xunto co seu NIF. Deste xeito cada vez que queira realizar unha xestión, introducirá a clave de acceso e o NIF na sede electrónica e recibirá automaticamente no seu móbil un código de sinatura dun só uso e válido durante 24 horas para realizar o trámite.
A incorporación de Chave365 permitirá avanzar cara a sede electrónica móbil, facilitando o acceso desde dispositivos móbiles ou tabletas a algunhas funcionalidades, como a consulta do estado dos expedientes na Carpeta do cidadán. O Chave 365 estará dispoñible progresivamente no resto das oficinas de Rexistro.
Cómpre destacar que a tramitación online supón un aforro mínimo de 75 euros por solicitude, fronte á modalidade presencial.

