Durante estes días Samsung acude ao festival South by Southwest, escenario que elixiron para presentar varios dos seus proxectos de investigación, entre os que resulta especialmente rechamante a aplicación móbil Hum On!, que permite converter en notas musicais a música que o usuario cantaruxe, realizando a transcrición da música a un pentagrama para a súa posterior reprodución (podendo elixir entre os estilos clásico, rock e R&B), e para que así tamén poida compartirse en redes sociais ou incluso aproveitar a música composta para empregar nas nosas creacións audiovisuais sen medo a infrinxir o copyright.
A aplicación analiza a voz do usuario, rexistrando o ton e a duración, para interpretala como música, transcribíndoa no pentagrama musical e permitindo incluso a súa edición, o que pode resultar de grande utilidade incluso para músicos profesionais, estudantes ou simples afeccionados, estando agora o proxecto centrado en mellorar a precisión do seu sistema de recoñecemento musical e colaborando con artistas para poder achegar un sistema de acompañamento musical cada vez máis diverso.
A maiores, Samsung tamén levou ao SXSW 2016 unha plataforma social para a creación de contido colaborativo chamada Waffle e un sistema de realidade virtual, Entrim 4D, que mediante uns auriculares especiais que tamén transmiten impulsos eléctricos buscan recrear a sensación de movemento e velocidade (engadindo realismo e reducindo os mareos que crean moitas veces as tecnoloxías inmersivas).
Samsung presenta unha aplicación móbil que converte en música as cantaruxadas
Compartir Este Artigo

