A empresa galega iCarto, centrada nunha chea de aplicacións reais da programación aberta ligada ao mapeo e á xeo-tecnoloxía (inventarios de infraestruturas, Sistemas de Información Xeográfica, solucións de xestións e mantemento de redes viarias, etc), vai organizar o vindeiro 8 de abril un obradoiro de introdución a OpenStreetMap. A actividade, organizada man con man co Laboratorio de Cartografía da Universidade da Coruña (CartoLab), complementarase cun “mapatón” solidario cunha contorna xeográfica concreta de Mozambique, máis polo miúdo a área norte do país, coa que iCarto leva traballando dende hai varios anos en proxectos de desenvolvemento a través das convocatorias de Cooperación Galega (Xunta de Galicia).
Estes proxectos, segundo reflicten dende a plataforma Mancomún, teñen por obxectivo o fortalecemento institucional da Administración Rexional de Augas do Norte de Mozambique (ARA-Norte) a través do emprego de tecnoloxías de información xeográfica de software libre.
Segundo informa iCarto o devandito evento está artellado en dúas metades. Por unha banda, a presentación pola mañá do traballo que a empresa galega está a despregar no país africano, amais dun obradoiro de introdución a OpenStreetMap, destinado este último a aquelas persoas que queiran coñecer e empezar a colaborar con este proxecto. Por outra banda e xa pola tarde farase encetarase o mapatón humanitario propiamente dito, que consiste en traballar con OpenStreetMap creando cartografía en Mozambique que será empregada para poder facer un estudo de riscos de asolagamentos, polo que a sesión de traballo colaborativo centrarase no mapeado de elementos vulnerables (vivendas ou infraestruturas). A asistencia á xornada é de balde, pero é preciso inscribirse previamente.
Como lembraremos, á plataforma OpenStreetMap se lle coñece na comunidade internauta open source como “a Wikipedia dos mapas” e a súa finalidade é achegar os recursos necesarios para dar forma a unha cartografía libre do noso mundo, e ademais de xeito colaborativo. OpenStreetMap salienta entre outras cousas por fornecer unha representación cartográfica da Terra, e tamén por constituír unha macrobase de datos de índole xeográfica, accesible para todas e todos e con ampla marxe de adaptación e mellora.
iCarto impulsa un obradoiro de OpenStreetMap e un mapatón solidario con Mozambique
Compartir Este Artigo

