Temos máis datos que achegar sobre a cita mañá en Ourense coa información “con maiúsculas”, cita que anunciamos nas súas liñas xerais os días pasados. Máis polo miúdo, trátase dun encontro co que se coñece como Big Data (datos masivos), un ámbito de investigación que é o resultado directo do desenvolvemento de capacidades das redes, equipos e servidores e que amosa, dun tempo a esta parte, un importante potencial profesional (manexar e xestionar grandes cantidades de información contribúe a resolver retos científicos e, tamén, optimiza o día a día das empresas e a súa eficacia e rendibilidade). A cita vén da man do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA). Contarase coa presenza de David Losada, director do Máster en Big Data da USC.
A xornada desenvólvese baixo o epígrafe Faladoiros dixitais ao redor do Big Data e representa a apertura de actividades de segunda edición da campaña de divulgación de novos perfís profesionais dixitais 1 mes, 1 profesión dixital. Desenvolverase como dixemos na cidade de Ourense, no Centro de Coñecemento La Molinera, onde tamén se atopa a aula local da Rede CeMIT.
Segundo informan as entidades organizadoras, os asistentes ao evento coñecerán, a través das intervencións de destacados expertos e profesionais na materia, “novas competencias e habilidades profesionais que se están a demandar no mercado laboral actual ao redor do Big Data“. Deste xeito, os relatores exporán as características e requisitos das súas funcións profesionais, tanto de xeito individual coma nun debate conxunto e aberto ao público.
O encontro desenvolverase de 09.45 a 14.00 horas no auditorio do Centro Tecnolóxico La Molinera. A inscrición é libre e de balde, e as persoas interesadas en asistir poden inscribirse a través do enderezo electrónico eventos@cpeig.org ou da web profesionsdixitais.org, na que tamén figura o programa e información da iniciativa e dos relatores que participan.
Programa
Tras a benvida institucional, a cargo do alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, a directora da AMTEGA, Mar Pereira, e o presidente do CPEIG, Fernando Suárez intervirá David Losada, director do Master en Big Data da Universidade de Santiago, un mestrado que se está a impartir na USC (dende o CiTIUS) e máis na Universidade de Murcia e que constitúe un dos primeiros másteres verificados a nivel estatal pola Axencia Nacional de Avaliación da Calidade e Acreditación (ANECA), centrándose principalmente en achegar recursos, competencias, formación e destreza para afrontar da maneira máis eficiente e rendible posible o tratamento e o manexo da información inxente.
Lembrar que Losada é profesor titular de Universidade na Área de Ciencia da Computación e Intelixencia Artificial na USC. A súa investigación céntrase na recuperación de información (RI). É membro activo da comunidade internacional de Recuperación da Información.
Volvendo ao programa de actividades de mañá, sinalar que despois dun descanso, ás 11.45 horas, falarase de Boas Prácticas en Big Data, a través das experiencias de Abanca e PSA Groupe. Os encargados de afondar nestes contidos serán Adolfo de la Torre, experto en Infraestrutura IT de PSA Groupe, quen disertará ao redor do relatorio Do Big Data ao Smart Data, tecnoloxía e conceptos e por parte de Abanca intervirán Jorge García Romarís e José Valiño. Como remate da xornada está previsto un debate entre os relatores e o público.
O director do Máster en Big Data da USC fala mañá do potencial profesional dos datos masivos
Compartir Este Artigo
