Sila Games, unha plataforma viguesa de distribución de xogos (principalmente para PC, Mac e Linux) e conformada por unha web e programas nativos en PC e Mac (en futuro desenvolvemento), vén de anunciar que achegará a posibilidade (segundo fai saber “por primeira vez no mundo”) de que os xogadores de calquera parte do planeta poidan mercar videoxogos dende a realidade virtual na súa tenda Sila VR Store. A idea desta tenda, é ter a experiencia de estar nunha tenda física, pero dentro da realidade virtual.
Como lembraremos Sila Games vende videoxogos para PC e Mac dalgúns dos desenvolvedores máis importantes do mundo (como SEGA, Deep Silver, Paradox, 2K, Bethesda, Bandai Namco, Ubisoft entre outros) e dispón dun catálogo total de máis de 2.000 produtos. O público está encamiñado ao sector dos chamados “hardcore gamers”; principalmente situado en EEUU, Canadá, Corea do Sur, España, Alemaña ou Australia. Asemade, Sila Games está a desenvolver unha subscrición mensual e unha tarifa plana para os xogadores.
Para acceder á devandita tenda de realidade virtual de Sila Games cómpre descargar a aplicación dende a web de Sila VR Store, desde alí terase acceso a Samsung Gear VR e en datas vindeiras a Oculus Rift e Vive.
Unha vez na tenda, poderase ir directamente aos andeis e seleccionar un xogo: nun lado da tenda está o catálogo xeral e no outro están as ofertas, cada andel ten un Publisher ou empresa que desenvolve videoxogos. Cada un destes Publisher conta cun amplo catálogo de xogos recoñecidos e vendidos en todo o mundo. Diante de calquera andel, poderase elixir a portada do xogo, esta moverase cara adiante, amosando a descrición e o valor. Para completar o proceso, hai que premer no botón de enviar e-mail e axiña chega unha notificación ao enderezo electrónico co xogo seleccionado e unha ligazón que encamiñará á web de Sila Store onde se poderá mercar.
Para o 2016 venderanse uns 15 millóns de lentes en todo o mundo, 9 millóns delas mercaranas os gamers. A estimación de compra de contidos en realidade virtual para 2018 será de 28 millóns de dólares (datos obtidos de www.statista.com).
A galega Sila Games crea unha tenda en realidade virtual para mercar videoxogos
Compartir Este Artigo
