Hai un par de meses LG anunciou unha nova cámara deportiva dentro da familia de produtos Friends, e agora sae á venda en Corea do Sur e que nas vindeiras semanas chegará a outros mercados para facilitar tanto a gravación de vídeos deportivos ou ao aire e incluso a súa retransmisión en directo a través da Rede.
A LG Action CAMLTE é un produto robusto (soporta po, area e incluso pode somerxerse ata media hora a un metro de profundidade), que funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon 650, sendo capaz de retransmitir vídeo en directo en servizos como YouTube Live a través de redes móbiles 3G ou 4G, converténdose así nunha opción moi interesante no contorno actual no que o vídeo en directo está a causar furor nas redes sociais.
A través da aplicación oficial de LG é posible acceder ás imaxes e vídeos rexistrados pola nova cámara de LG, sendo a cámara capaz de gravar ata 3 horas de vídeo Full HD, e podendo empregarse tamén a LG Action CAMLTE como cámara de seguridade doméstica.
A cámara ten un sensor de 12,3 Mpíxeles cun grande angular de 150 graos, conta con conectividade 4G, 3G, Wi-Fi N, Bluetooth 4.1 e USB-C 2.0, GPS, unhas dimensións de 79,7 x 35 x 35 milímetros e un peso de 99 gramos, contando con adaptadores para poder adherila a cascos, guiadores… para facilitar a gravación de actividades deportivas. O seu prezo de venda é de 399.300 wons (316,54 euros).
LG pon á venda a súa cámara de acción que retransmite vídeo en directo por YouTube
Compartir Este Artigo

