Hai tres anos chegaba a Indiegogo unha campaña de micromecenado que quería facer realidade unha solución para videoconferencias que permitía xerar en tempo real avatares tridimensionais que emulaban os xestos do usuario, de xeito que o seu interlocutor a través de Skype ou Hangouts, en vez de ver a outra persoa, podía ver como a conversa se mantiña cun panda vermello antropomórfico, cun demo, cun soldado, cun can… para o que FaceRig mesturaba tecnoloxías de recoñecemento facial con técnicas de animación 3D, conseguindo uns resultados máis que dignos.
Até o momento FaceRig era un software que se distribuía para PC a través de Steam, pero finalmente ábrese a novos ámbitos, e chega a Android como aplicación de balde con compras integradas, de xeito que podemos empregar as cámaras do móbil para recoñecer caras, e así poder ver en pantalla avatares 3D que imitan os xestos dos usuarios, permitindo disparar incribles selfies ou gravar vídeos con estas representacións virtuais que permiten elixir entre máis de 40 avatares (moitos deles desbloqueables mediante pagamento) e varios fondos. Sen dúbida, un xeito divertido para gravar vídeos, que supón un importante salto adiante con respecto a aplicacións como o célebre Talking Tom, xa que desta volta non temos animacións preprogramadas, senón un comportamento xestual no que se imita fielmente ao usuario.
FaceRig chega a Android converténdonos en avatares 3D
Compartir Este Artigo

