O mes pasado os usuarios da versión de proba de WhatsApp para Android comezaron a gozar da posibilidade de realizar videochamadas, e esta mañá finalmente anunciouse o lanzamento desta funcionalidade para as versións oficiais da aplicación para iPhone, Android e Windows Phone. Deste xeito, a actual función de chamadas de voz a través da aplicación gaña unha variante que engade o uso do vídeo, facendo máis completa esta ferramenta de comunicación, o que agradecerán especialmente moitos de cara ao Nadal, xa que as comunicacións en vídeo achegan un contacto máis íntimo e emocionante en datas sinaladas.
Dende WhatsApp aseguran que esta funcionalidade busca chegar a todos os usuarios, non só para os que teñan os smartphones máis caros nin coas mellores redes de telefonía móbil, polo que enténdese que o elevado uso de datos rexistrado polo aplicación durante a súa fase de probas era algo solucionable e, de feito, dende WhatsApp insisten no feito de que a videoconferencia que están a espallar internacionalmente neste momento é capaz de manter comunicacións en redes de datos tan febles como a da India, país no que WhatsApp é a aplicación de mensaxería predominante (ao que hai que engadir o detalle de que o enxeñeiro responsable desta funcionalidade, Manpreet Singh, é de alí).
Aínda que as videoconferencias xa son algo que temos dende hai moitos anos, o seu uso non logrou despegar máis alá do uso esporádico de Skype no ordenador, pero a súa chegada a unha aplicación tan popular como WhatsApp podería rachar esa barreira dun xeito semellante ao que aconteceu coas chamadas de voz a través de IP, e aínda que WhatsApp está moi lonxe de ofrecer o mellor servizo, si sería o de uso máis masivo, o que sería clave para o seu posible éxito.
WhatsApp leva a súa videoconferencia a iOS, Android e Windows Phone
Compartir Este Artigo
