Aínda que o reparto mediante drons estea a ser a aposta de moitas compañías de cara ao futuro, no Reino Unido a popular plataforma en liña de pedidos de comida a domicilio Just Eat está a innovar estreando un sistema de reparto mediante robots, no que aseguran que é o primeiro sistema deste tipo a nivel mundial.
No mes de xullo Just Eat pechou un acordo con Starship Technologies para desenvolver esta solución que leva 5 meses en probas, e que por fin entrou en fase comercial, cun primeiro cliente en recibir o seu pedido de comida a través dun robot automatizado. Este servizo de entrega está a probarse en Greenwich, e prevese o seu espallamento polo resto de Londres durante o ano que vén, aspirando a ter unha completa frota de robots ao longo de múltiples barrios británicos.
O primeiro pedido entregado por un robot de Just Eat foi o realizado por unha moza chamada Simone ao restaurante turco Taksim Meze. No momento no que se realizou o pedido en liña o robot de reparto desprazouse cara ao restaurante administrado pro Ana Maria Stingaciu, para que ao prepararse a comida fose introducida nun compartimento do robot, que púxose en ruta para chegar onde a cliente en 8 minutos. Simone recibiu unha mensaxe de texto indicándolle que tiña o seu pedido na porta, incluíndo unha ligazón que permite abrir a porta do compartimento para recoller a encarga que esperaba diante do seu domicilio. A cliente recoñeceu quedar abraiada co servizo e comentou ao respecto que «a única cousa da que non estaba segura e de se tiña ou non que deixar propina».
Neste programa piloto de Just Eat participan polo momento 10 restaurantes para que os residentes de Greenwich poidan gozar deste revolucionario sistema de reparto.
Just Eat comeza a repartir comida a domicilio mediante robots
Compartir Este Artigo
