Nos últimos días xurdiron informacións sobre a compra de Pebble por parte de Fitbit, e finalmente publican unha nota de prensa confirmando que o fabricante de produtos de electrónica de consumo orientados ao deporte e á saúde fíxose cos activos de Pebble, incluíndo o persoal chave e a propiedade intelectual da compañía (relativa a desenvolvementos de software e firmware) pero excluíndo da operación os produtos de hardware de Pebble, ou sexa, os seus coñecidos smartwatches, que pese a ser considerados pioneiros por moitos, quedarían abandonados para frustración dos seus usuarios, que en grande medida apostaron polos produtos a través de campañas de micromecenado para sentirse agora traizoados.
Fitbit considera que a compra de Pebble permitiralle evolucionar no desenvolvemento de novos produtos e prestacións ao integrar o talento e a experiencia dos profesionais de Pebble, buscando así acelerar a expansión da súa plataforma e ecosistema para facer que Fitbit poida converterse nunha parte importante da vida de cada vez máis consumidores, así como facilitar ferramentas para permitir integrar a súa tecnoloxía con outros provedores.
A operación de compra pechouse onte mesmo, e dende Pebble quixeron saír á palestra para recoñecer que a súa absorción por parte de Fitbit impídelles operar como entidade independente, ou sexa, que tiveron que pechar a compañía cesando todas as súas operacións de hardware, de xeito que xa non fabricarán nin comercializarán produtos novos, mentres que os Pebble actuais continuarán a funcionar (aínda que xa non será Pebble quen forneza aos reloxos de actualizacións). Por fortuna existe unha comunidade de desenvolvedores que previsiblemente darán soporte non oficial aos produtos de Pebble durante bastantes meses.
Tamén anuncian que os mecenas que apoiaran os seus desenvolvementos en Kickstarter e aínda non recibiran a recompensa recibida, obterán o reintegro da cantidade económica achegada, ou sexa, que o Pebble Time 2, o Pebble Core e o Pebble Time Round Kickstarter Edition non chegarán á súa fase de produción.
Pebble bota o peche tras a súa compra por parte de Fitbit
Compartir Este Artigo
