A tecnoloxía de comunicación sen fíos Bluetooth 4.2 ten xa un estándar sucesor, o Bluetooth 5, que vén de aprobarse, de xeito que en poucos meses (entre 2 e 6 segundo as previsións) comezaremos a ver produtos que poidan gozar dunha cobertura ata 4 veces superior e ata o dobre de velocidade de transferencia, ou sexa, que poderían chegar a unha velocidade de 5 Mbps ata a 240 metros de distancia, o que confían que teña un impacto moi positivo na chamada Internet das Cousas, aínda que en produtos wearables tamén pode resultar de grande utilidade (xa que poderán funcionar máis afastados do smartphone, de xeito que un mans libres ou un smartwatch podería manter a conexión dentro dun fogar enteiro).
Bluetooth 5 promete facilitar a conectividade do futuro, non só permitindo maiores coberturas, senón tamén reducindo as interferencias entre trebellos e mantendo un perfil de baixo consumo, facendo que moitas solucións que ata o momento tiñan que operar nas saturadas redes Wi-Fi poderán agora optar polo Bluetooth.
Onde non se producirían avances específicos co Bluetooth 5 é no que se refire á calidade das comunicacións de voz, ou sexa, que non se incluirán novos sistemas de codificación da mesma, aínda que si gozarase da maior cobertura, polo que continuamos a estar ante unha tecnoloxía como moito espazo para mellorar (confíase en que nun par de anos si se produzan melloras na compresión e a latencia da voz sobre o novo Bluetooth).
O Bluetooth 5 contará co dobre de velocidade e o cuádruplo de cobertura
Compartir Este Artigo
