O 28 de decembro é o Día dos Inocentes, xornada na que tradicionalmente gástanse bromas aos amigos e familiares, sendo tamén bastante frecuente que moitos medios de comunicación publiquen algunha información redactada de xeito humorístico para ver se os lectores se decatan da broma, o que nos tempos actuais é todo un risco, xa que a Internet é global, e pode provocar que moitas brincadeiras pasen a considerarse novas reais fóra de España, como acontece aquí cando lemos informacións publicadas o Primeiro de Abril.
Este ano o fenómeno xa se deixou notar onte mesmo, por unha pequena torpeza no día de publicación, xa que publicouse unha nova que apuntaba que a cadea de comida rápida Burger King españolizaba o seu nome a Burguer King, o que diversos medios en liña publicaron sen pudor e, aínda que algúns retractáronse, o bulo continúa vivo.
A Fundéu (Fundación Español Urxente) tamén fixo a súa contribución ao Día dos Inocentes, e publicou un artigo dando validez á palabra caranchoa, popularizada nas últimas semanas por un vídeo de YouTube na que un bromista recibía un lapote tras insultar a un traballador dunha empresa de transporte con tal palabra que realmente non ten un uso documentado dende 1425. Iso si, a Fundéu di que no caso de querer empregarse a palabra composta sería correcto escribir caraanchoa e caranchoa, pero non cara anchoa.
Clara broma sería, por exemplo, o anuncio do acordo de venda do estadio de Balaídos ao Celta de Vigo por uns 150 millóns de euros, quedando clara a broma ao comentarse que o estadio pasaría a chamarse Abel Caballero Arena ou que finalmente Vigo acollerá un concerto de U2 sempre que acepten que o grupo A Roda fagan de teloneiros.
Que pasa na Costa, pola súa banda, deu conta de que a rodaxe da vindeira tempada de Game of Thrones realizaríase no Castelo de Vimianzo, o que tería un forte impacto no turismo da Costa da Morte. Cómpre lembrar que hai varios anos o diario ABC propagou o dixomedíxome de que a serie da HBO gravaríase en Galicia ao dar por certa unha inocentada.
Tamén o encontro Coruña Bloggers, que celébrase os últimos mércores de cada mes, ou sexa, que casualmente tería que celebrarse hoxe, anunciou que desta volta contaría con convidados de excepción, Mark Zuckerberg e Bill Gates, e para poder dar cabida aos interesados en escoitar a tales figuras pasaría de celebrarse na Fundación Barrié a ter lugar no Estadio de Riazor. Sobra dicir que este mes non se celebrará Coruña Bloggers precisamente polas datas festivas.
No ámbito tecnolóxico, dende ADSLzone deixaron caer que o Goberno tería mudado os plans de reantenización para adaptarse á telefonía móbil 5G liberando a banda dos 700 MHz a unha erradicación absoluta da TDT para que o único xeito de recibir o sinal televisivo fosen as redes de fibra óptica.
Pola banda da galega Primux decidiron anunciar unha máis das súas orixinais aplicacións, pero desta volta xa era claramente cómica a imaxe que acompañaba a nova de Fast Pigeon, unha aplicación que buscaba resolver os problemas dos envíos de mensaxería empregando pombas mensaxeiras localizadas por GPS e equipadas con cámaras 4K para facilitar o seguimento das mensaxes. Amais, incluso aseguran que as pombas non abandonarán o seu destino ata que o receptor non lea a mensaxe, asegurando así a entrega e a lectura da comunicación.
Rechamante foi o que aconteceu dende o blog tecnolóxico Genbeta, que publicou que Linux mudaría a súa mascota dun pingüín a un galo, xa que 2017 é o ano chinés do galo, de xeito que a tradicional frase de «este será o ano de Linux» sería realidade grazas a tal curiosa xogada que non pareceu agradar a moitos lectores (entendemos que por estar ao outro lado do Atlántico e non ser conscientes da celebración do Día dos Inocentes), o que levou inicialmente a que incluíran unha actualización da información avisando de que tratábase dunha broma, e finalmente parece que foi eliminada totalmente da web, posiblemente para evitar confusións.
Non faltan as bromas a título persoal, e así, o actor Monti Castiñeiras lanzou un vídeo promocional anunciando que «cada domingo, a partir do 8 de xaneiro, co teu xornal La Voz de Galicia, por só 5 euros, podes ter as figuras dos personaxes de Serramoura» adiantando que na primeira entrega incluiríase a figura de Santos, personaxe que interpreta o artista compostelán.
O Día dos Inocentes faise notar na Rede
Compartir Este Artigo
