Google presentou hoxe unha nova ferramenta de creatividade deseñada especialmente para nenos, a aplicación móbil para contar historias Toontastic 3D, que podemos descargar de balde de Google Play e da App Store, e que busca inspirar a imaxinación de millóns de cativos de todo o mundo para que creen a súas propias historias.
Con Toontastic 3D os pícaros poden debuxar, crear animacións e narrar as súas propias aventuras, contar historias, realizar traballos escolar e calquera cousa que poidan imaxinar. Todo o que precisan facer é desprazar os personaxes pola pantalla, no que poderiamos definir como un teatro de monicreques virtual no que o escenario é tridimensional e interactivo, podendo empregarse ducias de personaxes personalizables. Toontastic 3D conta con ferramentas para debuxar escenarios en 3D e un laboratorio de ideas con historias creadas por outros nenos para axudar a inspirar novas aventuras.
Estamos ante unha evolución de Toontastic, ferramenta adquirida por Google en 2015, que levaba tempo servindo de base para os procesos de escritura creativa, pero con esta nova aplicación non só se engade unha dimensión, senón que tamén introduce novos moldes para traballos de ciencias e relatos breves, confiando en que Toontastic 3D inspire tanto a nenos en casa como nas aulas para imaxinar, inventar e explorar ideas para así desenvolver as habilidades precisas para os traballos creativos do mañá.
Vídeo promocional de Toontastic
