Durante anos non foron poucas as causas xudiciais por mor da comercialización de receptores de servizos de televisión de pagamento que permitían o acceso ilegal aos contidos, pero agora a situación é un tanto diferente, e existen plataformas en liña que permiten recibir fluxos de vídeo en streaming de fontes moi diversas entre as que é doado atopar canles de televisión en directo, películas, series de televisión… que grazas a aplicacións como Kodi resultan doados de localizar e xestionar, de aí que na Internet estean a comercializarse numerosos dispositivos baseados en Android coa aplicación precargada, o que é unha práctica de legalidade moi discutible, que precisamente está a xudicializarse en Reino Unido.
Brian Thompson, un comerciante de Middlesbrought, vén de declararse inocente nunha causa contra a súa persoa por vender dispositivos coa aplicación de Kodi preconfigurada, quedando en espera de que o xuízo teña lugar no mes de maio, cando sen dúbida haberá moitas miradas apuntando na súa dirección, xa que a venda de dispositivos con Android que poden conectarse ao televisión está moi estendida, e non está clara a barreira que hai que superar para que se considere que un vendedor vulneraría os dereitos de propiedade intelectual.
Thompson asegura que a venda de trebellos con Android está moi espallada, pero entende que o problema está na descarga nos mesmos do software que permite ver contidos televisivos sen pagar. Pero un detalle curioso é que a mesma posibilidade que teñen estes trebellos está presente en smartphones e tabletas, e non parece razoable que se vaia perseguir a súa venda.
Confíanse en que o xuízo dilucide onde está a barreira, cando menos nos EE.UU., para poder ofrecer dispositivos con Kodi precargado e preconfigurado, pois para empregar esta ferramenta para acceder a contidos irregulares é preciso ter certos coñecementos, xa que a propia aplicación non dá soporte ao uso de engadidos que vulneren a propiedade intelectual.
A venda de trebellos con Kodi precargado levarase aos tribunais británicos
Compartir Este Artigo
