Na presentación de resultados de Facebook do último trimestre de 2016 destacábase o elevado número de usuarios activos que a compañía ten actualmente, 1.860 millóns, de xeito que en poucos meses superarán a barreira psicolóxica dos 2.000 millóns de usuarios activos, deixando constancia do peso que ten esta plataforma a nivel mundial, pasando de ser un espazo de lecer ata converterse nun servizo cunha importancia comparable á do correo electrónico.
Precisamente para pór o acento no volume de persoas á que está a chegar Facebook, afastándose dos resultados económicos (que foron moi positivos) Mark Zuckerberg vén de compartir algúns datos que ilustran moi ben a situación. Por unha banda non só destaca os 1.860 millóns de usuarios activos de Facebook, senón que tamén detalla que Instagram chegou xa aos 600 millóns de usuarios, WhatsApp aos 1.200 millóns de usuario e o Messenger de Facebook aos 1.000 millóns de usuarios, ou sexa, que Facebook está a dominar as principais ferramentas de comunicación móbil que se empregan na actualidade, o que dálle á compañía de Zuckerberg unha posición de dominio sen precedentes a nivel mundial (ningún operador de telecomunicacións do planeta ten un número de usuarios semellante).
Esta situación é especialmente rechamante polo feito de que Facebook tiña no contorno móbil o seu punto feble hai poucos anos, e Google tiñan unha posición que facilitaba que puidese chegar a unha masa de usuarios inmensa pero, pola contra, parece que cada vez a compañía de Mountain View que domina os sistemas operativos móbiles con Android non consegue impor plataformas de comunicacións de seu, e incluso os seus últimos intentos, Allo e Duo, están a ser estrepitosos fracasos, de xeito que nin sequera conseguen aparecer na listaxe coa 500 aplicacións máis descargadas en Google Play.
WhatsApp chega aos 1.200 millóns de usuarios
Compartir Este Artigo
