O Concello de Tui presentou onte súa nova sinalización para a cidade histórica, unha iniciativa para pór en valor o importante patrimonio arquitectónico e artístico da localidade pontevedresa, para amplificar o coñecemento que teñan dela visitantes e veciños e, tamén, para avanzar na modernización e na posta ao día do devandito patrimonio. Sobre este último punto, o Concello enriqueceu o proceso de sinalización coa inclusión de elementos que complementen a información sobre os monumentos e os recantos históricos nos teléfonos móbiles intelixentes de cada quen. Tamén se puxo en marcha unha plataforma dixital á que dan acceso os devanditos elementos inseridos na sinalización.
A iniciativa foi dada a coñecer polo alcalde, Enrique Cabaleiro, e a concelleira de Patrimonio, Carmen Núñez. A presentación contou coa presenza da directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro, e máis do xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez Bargiela. A presentación tivo feitura de visita guiada, un roteiro conducido polo historiador local Suso Vila, e que levou aos participantes dende a Porta da Pía ata a Praza de San Fernando, as rúas Sanz (onde está o cárcere vello) e San Telmo, amais do patio de Salomón (un dos piares da ruta xudía de Tui).
Na visita fíxose saber que a sinalización contou con tres tipos de equipamentos: sinais interpretativos, sinais direccionais e sinais identificativos. Os sinais interpretativos, que recollen unha descrición histórica e información direccional de recursos, están situados na Porta da Pía, ou na rúa Sanz, punto de paso do Camiño de Santiago. Os direccionais recollen a dirección e o tempo aproximado ao que se sitúa un recurso turístico, coma pode ser a Catedral, o Albergue de Peregrinos ou a Oficina Municipal de Turismo. O terceiro tipo de sinal, os identificativos, ofrecen unha descrición histórica do monumento ou emprazamento, ampliable a través da plataforma dixital.
O alcalde e a concelleira informaron que os devanditos elementos “constan dunha placa metálica lacada ao forno co texto troquelado e baleirado na mesma placa”. O rotulado da información realizouse en vinilo de alta calidade ofrecéndose en tres idiomas (galego, castelán e inglés) e incorporando os elementos tecnolóxicos dos que falabamos ao principio: o símbolo NFC e un código QR. Estes, a través dos teléfonos móbiles intelixentes, permiten o acceso á plataforma dixital para ampliar a información.
Amais da sinalización física púxose en marcha unha plataforma dixital, turismotui.mobi, á que dan acceso tanto o NFC coma os códigos QR. A través disto, amplíase a información sobre cada recanto ou recurso de interese con novos textos, fotografías, audioguías e vídeos. Igualmente, fornécese a súa localización exacta no mapa. “Deste xeito”, informaron o alcalde a concelleira, “a través da plataforma, é doado realizar unha visita guiada da cidade histórica de Tui seguindo esta información cun teléfono móbil intelixente”. Asemade, engadiron que a plataforma “permite ir ampliando a información existente tanto en textos coma en imaxes, vídeos ou sons, e a creación de novos recursos non incorporados neste momento”.
Tui aposta polos móbiles intelixentes para a súa nova sinalización da cidade histórica
Compartir Este Artigo
