Microsoft está a preparar unha das grandes actualizacións de Windows 10, a chamada Creators Update, e asegura estar a ter moi en conta as demandas dos usuarios, de aí que vaia introducir novidades que ofrezan unha maior flexibilidade e control sobre o proceso de actualización para evitar as molestias e reinicios en momentos inesperados, ou sexa, que darán aos usuarios máis opcións para programar cando queren que as actualizacións se instalen nos seus equipos.
Como exemplo destes cambios temos que poderase elixir un momento concreto para realizar a instalación dunha actualización de Windows Update; tamén existirá a posibilidade de pausar por completo o proceso de actualización durante 3 días (para evitar interrupcións durante o traballo co dispositivo); e mellorouse a opción de horas activas para que Windows non instale ningunha actualización durante o tempo no que o usuario precise que o equipo esta dispoñible para o seu uso.
Dende Microsoft insisten na necesidade de ter o sistema operativo actualizado, recomendando a configuración predeterminada coa que funciona Windows 10, para achegar un maior control no proceso de actualización engadiuse unha nova icona de Windows Update, dentro do menú de Configuración, para ver de xeito claro se o equipo está ao día. Outro detalle mellorado é o proceso de descarga das actualizacións, que procurará non afectar ao rendemento do equipo durante o seu uso.
Outro detalle a salientar é que coa nova grande actualización lanzarase unha mensaxe para levar a unha revisión da configuración de Privacidade do sistema antes da instalación da actualización como un xeito máis de confirmar que Microsoft coida este aspecto.
Windows 10 contará con máis opcións para decidir cando se actualiza
Compartir Este Artigo
