No marco da xuntanza que se está desenvolver dende onte en Vigo ao abeiro do proxecto SEERS, presentouse hoxe ante os medios un dispositivo innovador que achegará un extra de seguridade en infraestruturas onde haxa circunstanciais problemas de visibilidade, un intenso fluxo de tráfico e dificultades para enxergar e identificar elementos móbiles. Infraestruturas como túneles e portos. Este dispositivo permitiría o emprego no ámbito civil de tecnoloxía militar, amais de abaratar esta adaptación. O sistema SEERS, fíxose saber, probarase en escenarios reais a finais de ano. Na súa presentación, e na xuntanza que lle serviu de marco (ambas citas desenvolvidas no Centro Tecnolóxico Gradiant), participaron profesionais dos ámbitos da fotónica e a seguridade de oito entidades europeas, lideradas polo Centro Tecnolóxico galego Aimen. Ambos centros, Aimen e Gradiant, participan arreo na iniciativa.
Segundo engadiron, neste intre o proxecto SEERS (Cámara Multiespectral para Vixilancia Infravermella de Baixo Custe, nas súas siglas en inglés) atópase na súa última fase de desenvolvemento. A tecnoloxía resultante permitirá, nas súas palabras, “facer seguimento da seguridade en túneles e portos, en situacións de baixa ou nula visibilidade”. O proxecto conta cun orzamento de 3,7 millóns de euros foi financiado a través da convocatoria europea Horizon 2020.
Nun plano máis concreto e segundo se fixo saber na presentación, o dispositivo dispón dunha innovadora cámara multiespectral que cobre o rango infravermello, permitindo esculcar o tráfico en lugares con baixa visibilidade debido ao mal tempo ou á brétema, fume ou outras dificultades de visión. A tecnoloxía tamén é quen de avaliar a información capturada, medindo a temperatura e detectando incendios ou estoupidos a través do procesado embebido materializado por Aimen.
Segundo engadiron os representantes dos centros galegos, SEERS permite o seguimento do tráfico rodado e marítimo mediante un sistema de análise de vídeo intelixente multiespectral desenvolvido por Gradiant, fornecendo “unha funcionalidade que ata o de agora esixía gran variedade de recursos por parte dos servizos de emerxencia, tanto en vixilancia litoral coma noutro tipo de infraestruturas críticas”. Ou sexa, que do que se trata é de facer máis eficientes, doados e, sobre todo viables, os devanditos procesos de monitoraxe intelixente. Así nolo explicou Gradiant: “A integración de tecnoloxía punteira a través da mestura de diferentes sensores de baixo custe nun mesmo dispositivo e un software de análise de vídeo, aumenta as capacidades, rendibilidade e eficacia de SEERS fronte aos sistemas de vixilancia actuais”.
No acto de hoxe tamén se explicou que o sistema final funcionará tanto en plataformas estáticas como carrexado por drons para afacerse ás necesidades de seguimento en cada intre: dende a observación continua dunha mesma contorna ata a inspección de buques en movemento. Segundo engadiron respecto da súa capacidade de adaptación para outros escenarios, “malia que os casos estudados céntranse ata o de agora en túneles e portos, o sistema podería ser trasladado no futuro para outras aplicacións”.
Liderado por Aimen, o consorcio del proxecto SEERS conta con la participación de Gradiant, así como de compañías de seis países, entre las que se inclúen Airbus Defence and Space -Francia- e Thales Italy -Italia-, que se encargan de testar o sistema en vídeo-vixilancia costeira e tráfico confinado. A equipa complétana NIT (New Infrared Tecnologies) -España-, MikroSens e METU-MEMS (Middle East Technical University) -Turquía-, Quest Photonic Devices BV -Holanda-, e a Universidade de Glasgow -Reino Unido.
Aimen e Gradiant ultiman un dispositivo para esculcar o tráfico en infraestruturas críticas e con escasa visibilidade
Compartir Este Artigo
