Wayra España, composta polas academias de Barcelona e Madrid, e ElevenPaths, a unidade de ciberseguridade de Telefónica da que falamos recentemente para salientar a súa importante alianza co noso Centro Tecnolóxico Gradiant (a prol da innovación en seguridade tecnolóxica), veñen de anunciar a posta en marcha dunha convocatoria para start-ups (novas firmas innovadoras) que consistirá en impulsar, visualizar e proxectar as propostas de ciberseguridade das start-ups participantes con meirande potencial de medre. A convocatoria, cuxo prazo remata o 2 de abril, xa ten acubillo para recibir ideas para protexermos o mundo dixital.
Segundo fai saber ElevenPahts, non é casualidade que se elixise o eido da ciberseguridade para este pulo á innovación. “A continua aparición de novas ameazas esixe un continuo desenvolvemento de proxectos que dean solución aos novos escenarios”, sinala a devandita unidade security de Telefónica, engadindo que “debemos ter presente que así como a tecnoloxía xeral evoluciona, tamén se desenvolven os recursos e metodoloxías que empregan os atacantes”. En definitiva, se quen ameaza usa tecnoloxías disruptivas, que marcan un antes e un despois, nós “tamén estamos obrigados a empregar tecnoloxías disruptivas”, sinala Chema Alonso, CDO de Telefónica, a conto dos porqués desta convocatoria, presentada baixo a etiqueta Cibersecurity Call.
Segundo engaden Wayra e ElevenPaths, as empresas seleccionadas recibirán en calquera das academias de Madrid e Barcelona (integradas na rede de pulo ao emprendemento Telefónica Open Future) servizos de aceleración que inclúen estadía, coworking, crowdworking, recursos de conectividade, orientación e acompañamento directo, tutelas en temas clave para o crecemento do negocio (asesoramento estratéxico, mercadotecnia, comunicación), formación en ferramentas de emprendemento e xestión empresarial. Así mesmo, poderán recibir investimento financeiro en capital semente e ter acceso a potenciais investidores e á rede comercial e de contactos de Wayra, Open Future e Telefónica non só en Barcelona e Madrid, senón co resto dos países nos que está presente a iniciativa.
Entre os requisitos para participar nesta convocatoria atópanse: ter un produto/servizo baseado nas novas tecnoloxías e Internet e validado polo mercado (usuarios activos); ter un modelo de negocio con capacidade para evolucionar e para adaptarse a diferentes contornas e con proxección global; contar cun equipo de traballo multidisciplinario, con experiencia no sector da empresa e que estea comprometido co proceso de aceleración.
As inscricións deberán facerse na páxina web de Telefónica Open Future, rede da que forma parte a palestra de emprendemento innovador da Cidade da Cultura de Galicia, Galicia Open Future.
Wayra e ElevenPaths buscan proxectos innovadores en ciberseguridade para impulsalos
Compartir Este Artigo
