O pasado outono Microsoft adiantou as novidades que estaba a preparar para a vindeira grande actualización de Windows 10, e finalmente rematou a espera e xa existen métodos para descargar a chamada Creators Update, aínda que a súa distribución oficial a través do sistema de actualizacións de Windows 10 non botará a andar ata o 11 de abril, confirmando os rumores que xurdiran a primeiros de mes.
Esta renovación de Windows 10 está orientada a potenciar a creatividade, abrirse ao 3D, prepararnos para a realidade mixta e permitir que os xogadores poidan retransmitir as súas partidas a través de streaming. Amais tamén se incorporan novas características ao navegador web Microsoft Edge, mellora a súa seguridade, incorpora novas ferramentas de privacidade e moitos outros cambios.
Resulta bastante curiosa a aposta polos contidos en tres dimensións, pois comezará coa aplicación Paint 3D, ou sexa, que a aplicación de debuxo básica incluída no sistema operativo inspirou a creación dunha ferramenta para moldear obxectos en 3D, o que resulta moi interesante no contorno actual no que a impresión 3D está cada vez máis presente e os mundos virtuais tamén están baseados en modelos tridimensionais. E precisamente no contorno da realidade virtual Microsoft senta as bases con esta actualización para que a finais de ano fabricantes como Acer, Asus, Dell, HP e Lenovo lancen os seus primeiros dispositivos compatibles con realidade mixta de Microsoft (unha especie de realidade aumentada en 3D) que terán un prezo moi axustado (partirán dos 299 dólares).
A Creators Update incluso incluirá medidas de control paterno baseados en tempos límite de pantalla que agora tamén chegarán á consola, ou sexa, que os pais poderán definir o tempo diario que os seus pequenos poden pasar xogando na Xbox One ou no PC, de xeito que a sesión pecharase unha vez transcorrido tal tempo.
E a nivel de seguridade tamén resultará de grande utilidade o poder empregar o emparellamento de teléfonos iPhone, Android ou Windows con Windows Hello para que o noso equipo se bloquee de detecta que nos afastamos del.
Windows 10 Creators Update chegará oficialmente o 11 de abril
Compartir Este Artigo
