A Administración Electrónica segue a estenderse nos nosos concellos, poñendo nas mans de veciños e traballadores municipais cousas como sedes dixitais local, tramitacións en liña, transparencia gobernamental, participación cidadá ou retransmisións en liña de plenos de goberno. Entre a ampla fronte de administracións locais galegas que están a apostar de cheo por estes procesos íntegros de dixitalización sitúase o Concello de Carballo, que vén anunciar o investimento de 143.000 euros no seu propio proxecto de adaptación a este novo xeito de “facer” goberno. Unha nova metodoloxía de traballo que, en palabras do alcalde, Evencio Ferrero, “facilitará e fará máis transparentes os procesos administrativos”.
Este novo chanzo no proceso de dixitalización do Concello de Carballo (un proceso que xa tempo que achega froitos, sen ir máis lonxe en outubro do ano pasado) será asumido da man de Indra Sistemas. Segundo fixo saber o alcalde trala sinatura dun acordo con esta empresa (que disporá dun ano para implantar o sistema, formar ao persoal e migrar os datos, entre outras liñas de actividade), a plataforma que se vai integrar é o sistema TEDEC/AL-SIGM, baseado nos procedementos utilizados pola Deputación da Coruña. Con esta medida, engadiu o alcalde, Carballo dá un novo paso “no cumprimento da nova lei do procedemento administrativo común, que entrou en vigor o 2 de outubro de 2016 e que supón un decidido paso adiante na aplicación das novas tecnoloxías na administración pública”. Segundo explicou, “a lei trae consigo un profundo cambio nos procedementos, modos de traballo e atención á cidadanía, dotándoa duns dereitos de acceso á información que lle pertencen e que están en poder das administracións e outorgándolle novos medios de acceso e comunicación coa administración”.
O sistema TEDEC/AL-SIGM permitirá, nas súas palabras, “complementar o actual sistema tecnolóxico impulsando a modernización da administración local, mellorando os servizos de xestión, incorporando un sistema de información para a xestión dos expedientes e documentos electrónicos capaz de xestionar todos os procesos internos, simplificando o desenvolvemento de procesos administrativos municipais, optimizando a interoperatividade cos sistemas doutras administracións, axilizando as relacións coa cidadanía a través de novas canles de comunicación bidireccionais e reducindo custos”.
O Concello de Carballo inviste 143.000 euros na implantación da eAdministración
Compartir Este Artigo
