
-A vosa empresa, Esri, está detrás da materialización da Base de Datos Cartográfica de Galicia en formato SIX (Sistema de Información Xeográfica). En que consistiu exactamente o voso traballo?
-Os labores de produción cartográfica da base topográfica realizounas directamente o Instituto de Estudos do Territorio (IET) da Xunta de Galicia. O noso labor foi facilitarlles as ferramentas necesarias, a través do acordo marco que temos coa Xunta a través da axencia AMTEGA, o asesoramento para poder levar a cabo os devanditos traballos, así como a presentación dos mesmos.
-Que vantaxes creedes que pode reportar esta base de datos para a cidadanía galega? Que cousas nos vai permitir facer, como cidadáns ou como técnicos?
–En primeiro lugar, os cidadáns galegos beneficiaranse dunha mellor xestión da súa contorna, tanto por parte das administracións públicas como das empresas que operen na Comunidade, pois ambas poderán contar con datos xeográficos coherentes e unificados. Moitas das grandes melloras (por exemplo, a xestión da auga) pasarán inadvertidas para o cidadán, pero estarán presentes. Hoxe en día, temos máis datos que nunca, pero só usándoos coherentemente, grazas á tecnoloxía, poderemos coñecer mellor a nosa contorna. A optimización de recursos, máis transparencia e máis participación, son as claves deste proxecto.
-Na presentación da plataforma fixemos fincapé desde Código Cero na utilidade da mesma para coñecernos mellor a nós mesmos. Creedes que é así?
-Efectivamente. A plataforma consolidará a vasta cantidade de información dispoñible a través dun único acceso. Desta maneira, os datos da xeografía galega estarán consolidados. Seremos capaces de confiar nesta información sen temor a trabucarnos. Isto redundará na posibilidade de tomar decisións máis efectivas, baseadas na evidencia. Podemos acceder en todo momento a información válida, por parte de empresas, xestores públicos ou particulares.
-No acto de activación da base de datos tamén se destacou o feito de que se trate dunha ferramenta pioneira, ou sexa, que abre un antes e un despois na nosa maneira de acceder á información cartográfica galega. En que sentido exactamente é pioneira?
-O máis relevante é que pasamos dunha cartografía clásica a unha produción cartográfica baseada en información xeográfica, adaptada á era dixital. As facilidades para descargar capas de información, analizalas, tratalas e xerar mapas ou aplicacións permitirán aos diferentes usuarios interactuar co territorio dunha forma sinxela.
-É unha ferramenta propia do seu tempo? Que características das correntes actuais de transparencia e participación considerades que reúne?
-Totalmente. Hoxe en día, temos máis datos que nunca. Segundo IBM, o 90% dos datos existentes foron creados en apenas os dous últimos anos da nosa historia. E cada vez máis, as administracións públicas son sensibles ás peticións de meirande transparencia e participación da cidadanía. Por tanto, esta base cartográfica foi despregada nun momento oportuno. Poder pór ao alcance do cidadán toda a información posible é un obxectivo loable, que require de ferramentas que garantan a seguridade e o funcionamento deste fluxo de datos. Ademais, as cidades son cada vez máis intelixentes. É dicir, apóianse na tecnoloxía para garantir o seu desenvolvemento sustentable, unha mellor calidade de vida, unha meirande eficiencia ao xestionar recursos e para fomentar a participación cidadá. Ferramentas como esta base cartográfica son a pedra angular dunha estratexia que sitúa os datos na cerna da toma de decisións á hora de xestionar as nosas cidades, fomentando a colaboración entre administracións públicas, cidadáns e empresas.
-Faládenos un pouco da vosa empresa, cales son os seus principais ámbitos de actividade, as súas liñas estratéxicas, os ámbitos onde destaca…
–Esri é unha empresa especializada no desenvolvemento de mapas intelixentes, tamén coñecidos como Sistemas de Información Xeográfica. Os mapas intelixentes son ferramentas cartográficas dixitais que permiten capturar, analizar, xestionar e visualizar datos para tomar decisións de maneira máis áxil e eficaz. As aplicacións dos SIX son practicamente ilimitadas, podendo ser implementadas en diversos sectores como as administracións públicas, defensa e salvamento, augas, emerxencias, finanzas, loxística, telecomunicacións ou enerxía, entre outros.
A nosa tecnoloxía, coñecida como The Science Of Where, permite resolver problemas complexos de maneira sinxela a través da localización. Tanto usuarios de administracións públicas como empresas privadas poden utilizar os nosos mapas mesmo aínda que teñan coñecementos técnicos limitados. A nosa ferramenta, a Plataforma ArcGIS, é a máis estendida do mundo e hoxe en día é o estándar na materia, especialmente en contornas profesionais. Está en constante evolución e é accesible tanto desde escritorios como en liña. Para desenvolvedores, a Plataforma ArcGIS tamén fornece ferramentas que lles permiten crear aplicacións de seu.
-Pódese dicir que Esri quedou satisfeita destes traballos de cartografía dixital realizados coa Consellería de Medio Ambiente?
-Sen dúbida. Estamos seguros de que esta base cartográfica axudará a manter a coherencia dos datos xeoespaciais en Galicia, garantindo a calidade da produción xeográfica na Comunidade. Nunha contorna no que cada vez hai máis datos dispoñibles, é importante ter a certeza de que son os correctos, en todo momento.
Esri dota de tecnoloxía pioneira á nova cartografía dixital de Galicia
Compartir Este Artigo
